SEGURIDADE CIDADÁ E MOBILIDADE

A Xunta Local de Seguridade aborda o dispositivo para o Festival "O Son do Camiño" a vindeira semana

09/06/2023 O Pazo de Raxoi acolleu esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade para coordinar o dispositivo con motivo da celebración do Son do Camiño, festival que se celebrará do 15 ao 17 de xuño en Santiago e ao que está previsto que acudan máis de 40.000 persoas cada día. As administracións implicadas actuarán de forma conxunta con medidas especias que se aplicarán tanto nos controis de acceso e no interior do recinto, como na propia cidade. Tamén se reforzarán os servizos ferroviarios e de transporte metropolitano para evitar a aglomeración de vehículos.

A Xunta Local de Seguridade extraordinaria celebrouse no Salón Verde do Pazo de Raxoi e estivo copresidida polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas. Na reunión tamén estiveron presentes o concelleiro de Mobilidade, Gonzalo Muíños; o intendente xefe da Policía Local, José Ramón Silva Dieste; o inspector principal da Policía Local, Jesús Pérez Martinez; o comisario provincial da Policía Nacional, Fernando Martínez; o comisario xefe de Santiago, Antonio Felipe Guzmán Moreno; o comisario xefe da comisaría da Policía Nacional Adscrita, Jorge Rubal; a inspectora xefa da Brigada Local de Seguridade Cidadá, Marta García; e o tenente da Guarda Civil de Santiago, Manuel Julio Meléndez.

Na reunión de hoxe acordouse reforzar a seguridade e a vixilancia tanto dos accesos ao recinto como dos aparcadoiros disuasorios que se habilitarán en San Lázaro e no multiúsos Fonte do Sar. Tamén se consensuou que Concello, Subdelegación e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, de maneira coordinada coa Policía Local e os servizos municipais, poidan establezan os dispositivos necesarios de seguridade que afecten á mobilidade.

Así mesmo, instarase á empresa organizadora do evento a que estableza puntos violeta no recinto como espazo seguros. O Concello de Santigo está adherido ao sistema Vioxén de seguimento integral dos casos de violencia machista liderado polo Ministerio do Interior. Conta ademais cunha mesa de coordinación de loita contra a violencia de xénero na que están representados os ámbitos implicados, directa ou indirectamente, na batalla contra esta lacra social.

Compartir: