ACCIÓN CULTURAL

A poesía tomará o palco da SELIC este sábado

09/06/2023 Aos versos de Urbano Lugrís e Anne Carson sumarase o concerto-recital de Olga Novo e Su Garrido Pombo para fechar o día.

Este sábado 10 de xuño a poesía colocarase en primeiro termo na SELIC. A Feliz Idade de Olga Novo atoparase nun concerto-recital coa mestría espida da guitarra e a voz de Su Garrido Pombo. Tamén nos achegaremos ás obras poéticas de Urbano Lugrís e Anne Carson, deixando oco para a narrativa cunha conversa coa novelista Karmele Jaio. A cativada terá ademais numerosas opcións para pasar o día, con varios contacontos e sinaturas de libros infantís.

A sesión matinal deste fin de semana comeza ás 12h coas máis pequenas como protagonistas, cun contacontos en movemento a cargo de Árbore Azul, con historias nas que o coidado da natureza é un valor fundamental. Máis tarde, ás 12h45, Paula Carballeira narrará para a rapazada nun espectáculo titulado Augas de tinta. A actividade inclúe un paseo desde a biblioteca Ánxel Casal ata a SELIC, onde será a contada.

Tamén orientadas a público infantil haberá dúas sinaturas de libros. Paula Suárez, coa inclusiva historia de O mundo de cores de Roque e Lía (Galaxia), estará na libraría Aenea. Ivonete da Silva e Fe González, tradutoras de A canción do cambio (Hércules de Edicións), atoparanse en A Gata Tola agardando para asinar este poderoso himno ilustrado que a poeta e activista Amanda Gorman dedicou ás nenas e nenos que desexan transformar o mundo.

Os espazos de conversa do sábado estarán centrados en Karmele Jaio e Anne Carson. No primeiro caso, a xornalista vasca estará ás 17h acompañada de María Reimóndez para reflexionar sobre a súa novela A casa do pai, editada en galego por Hugin e Munin. No segundo, trátase dunha parola un pouco máis especial: "Anne Carson sen Anne Carson". Nela participarán ás 19h Jesús Castro (tradutor ao galego), Oriana Méndez e Carlos Catena, ao fío da publicación de A antropoloxía da Auga en Chan da Pólvora, un texto desbordante que é ao tempo poema, ensaio e diario de viaxe.

Seguindo coa poesía, "En clave de mar" proporá ás 18h un repaso da obra poética de Urbano Lugrís, 50 anos tras o seu pasamento. O recital terá como libro de cabeceira Balada de los mares del norte, editado por Alvarellos a partir de poemas inéditos e dispersos do pintor. A homenaxe, na que participa o colectivo In Nave Civitas, rematará cunha marcha cultural ata o antigo restaurante Nova Galicia, na rúa do Franco, onde se atopa un mural do pintor e poeta.

Fecharán a xornada, ás 20h, a poeta Olga Novo, co seu Feliz Idade, e a compositora Su Garrido Pombo, con Patios de Luz, nun recital-concerto que combinará as dúas obras buscando unha sinerxía única. Trátase dunha proposta feita ex profeso para a SELIC, que nace da súa insistencia en sacar os libros dos andeis, arrincar as palabras do papel e levalas á maxia do directo.

Direccións relacionadas



Compartir: