CENTROS SOCIOCULTURAIS

O Museo máis pequeno da cidade continuará exposto nos comercios de Compostela ata o 14 de xullo

06/06/2023 Os establecementos comerciais da nosa cidade seguirán expoñendo nos seus escaparates os 55 traballos artísticos realizados pola veciñanza no marco da iniciativa "O Museo máis pequeno da cidade" ata o 14 de xullo. Esta iniciativa, impulsada pola Rede de Centros Socioculturais en colaboración coa Concellería de Comercio, está a ter unha moi boa acollida tanto entre a veciñanza como entre os visitantes.

Impulsado polo Departamento de CSC do Concello de Santiago e inspirada na idea orixinal de Noemí Batllori, o Museo Máis Pequeno da Cidade (MPC) é unha intervención sociocultural e artística que pretende achegar o mundo da arte á veciñanza e promover a súa participación activa, fomentando á vez a creación de comunidade e a mobilidade entre diferentes barrios.

Desde o lanzamento da inciativa, 55 propostas creativas foron achegadas en total por veciños e veciñas de Compostela de todas as idades. Trátase de obras de arte en tamaño reducido, realizadas nun oco de 13 x 13 cm para os que se empregaron todo tipo de materiais: caixa de cartón, papel, pompóns, purpurina, folios de cores, rotuladores, figuriñas, cola… e moita imaxinación.

Os 55 traballos artísticos están a ser expostos noutros tantos establecementos comerciais da cidade, o que permite amosar estas obras en formato reducido non soamente nos centros dos barrios, senón en toda a cidade, facéndoa viva e creadora.

Os diferentes emprazamentos están recollidos nun mapa cunha listaxe e que poden ser descargados nesta mesma páxina, ou a través dun código QR que estará en cada unha das localizacións. Tamén está dispoñible na oficina Turismo de Santiago para os visitantes que se acheguen á cidade.

Compartir: