MEDIO AMBIENTE

#EuCompost_ela organiza un Laboratorio de Economía Circular para a cativada

30/05/2023 O Concello de Santiago e a Unión de Consumidores de Galicia poñen en marcha unha nova actividade dirixida ao público infantil no marco do proxecto #EuCompost_ela. Trátase dun laboratorio co que se pretende achegar a economía circular a nenos e nenas entre 5 e 12 anos, acompañados por adultos, a través da experimentación e a creación in situ. En total realizaranse oito edicións en diferentes datas e zonas da cidade.

Dentro do Laboratorio, os participantes atoparán 7 estacións e, en cada unha delas, aprenderán a alongar a vida útil de diferentes obxectos e refugallos previamente seleccionados. Deste xeito abordarase que se pode facer con restos de comida, pousos de café, cartón, plásticos, botellas, envases, revistas e xornais, e plantexar novas ideas.

En total, realizaranse oito edicións do Laboratorio nas seguintes datas e ubicacións da cidade:

- 26 xuño no parque Eugenio Granell
- 27 xuño no parque Galeras
- 28 xuño no parque de Bonaval
- 29 xuño no parque de Fontiñas
- 4 setembro no parque de Belvís
- 5 setembro no parque infantil da Alameda
- 6 setembro na praza Roxa
- 7 de setembro en Santa Marta - Conxo

O Laboratorio está deseñado para 25 nenas e nenos cos seus acompañantes (pais, nais ou titores/as) e desenvolverase en dúas quendas, cada unha delas atendidas por tres monitoras/es.

Preparación: 16.00 a 16.45 h.
Quenda 1: 17:00-18:30 h.
Quenda 2: 19:00-20:30 h.
Recollida: 20.30 - 21.00 h.

A participación e inscrición é libre e totalmente de balde e é necesario facer a inscrición no seguinte formulario.

Proxecto #EuCompost_ela

Estas actividades enmárcanse dentro do proxecto #EuCompost_ela, iniciativa posta en marcha en 2021 polo Concello de Santiago e a Unión de Consumidores de Galicia a través da que se están a desenvolver unha serie de actividades co obxectivo de fomentar entre as persoas consumidoras un coñecemento máis profundo da economía circular para que sexan conscientes da necesidade de facer un consumo responsable e sostible, e da importancia de reciclar correctamente.

Ata o momento leváronse a cabo numerosas iniciativas: o faladoiro ‘Arredor da economía circular’, o concurso de Tik Tok ‘Conecta coa Economía Circular’, a exposición itinerante ‘Os Benfeito fan Compost_ela’ por centros de infantil e primaria ou a Feira de Economía Circular e Boas Prácticas. Tamén tivo lugar unha xincana virtual ‘Conecta coa Economía Circular’ e o concerto ‘Conecta coa Economía Circular’.

Direccións relacionadas



Compartir: