CENTROS SOCIOCULTURAIS

Preto de 12.000 persoas pasaron polo CSC Maruxa e Coralia desde a súa apertura hai seis meses

23/05/2023 Tras seis meses a pleno rendemento, o CSC Maruxa e Coralia consolídase como espazo de referencia para a veciñanza da cidade histórica. Desde que abriu as súas portas na praza Salvador Parga, o pasado 9 de novembro, preto de 12.000 persoas achegáronse ao centro para participar nos diferentes cursos e actividades, facer uso do espazo público para ler a prensa, usar os ordenadores ou celebrar encontros, así como para visitar exposicións ou tomar parte no programa de roteiros e visitas guiadas pola cidade.

As cifras confirman a boa acollida do novo CSC Maruxa e Coralia que abriu as súas portas o pasado 9 de novembro nun espazo renovado na praza Salvador Parga, substituíndo o antigo local situado na rúa Santa Cristina. En total, preto de 12.000 veciños e veciñas pasaron polo centro desde a súa creación hai xa seis meses.

Así, máis de 6.000 persoas participaron nalgún dos cursos ou obradoiros ofertados polo CSC, como ximnasia, pilates, encaixe de bolillos, costura creativa, bailes de salón, canto tradicional ou pintura, entre outros. Ademais, nestes últimos seis meses, máis de 4.500 veciños se achegaron a este centro para solicitar algún tipo de información ou facer uso do espazo público para a lectura dos xornais ou emprego dos ordenadores, en liña coa súa aposta pola formación centrada na aprendizaxe e manexo das novas tecnoloxías.

O CSC Maruxa e Coralia acolleu numerosas charlas, conferencias así como encontros e reunións asociativas organizadas por colectivos externos, polas que pasaron máis de 1.200 persoas desde o mes de novembro do 2022.

Tamén se puxo en marcha un club de lectura, conducido polo escritor Suso de Toro, dirixido a todas as persoas afeccionadas aos libros, así como un programa de roteiros e saídas culturais pola cidade ao longo dos meses de abril, maio e xuño. Entre as propostas, nas que participaron ao redor de 300 persoas, leváronse a cabo visitas a prazas emblemáticas, museos ou aos pazos e fontes da cidade, así como roteiros temáticos con motivo do 8M ou o Día das Letras Galegas, a noite de San Xoán ou o 30 aniversario da Casa de Troya.

Desde a súa apertura, este espazo veciñal acolleu tamén dúas exposicións: unha dedicada á Florencio Delgado Gurriarán, escritor galego homenaxeado polo Día das Letas Galegas de 2022, e a mostra "As cores da memoria. O retrato como dignificación", do pintor Alfonso Martínez López, unha homenaxe ás vítimas da ditadura.

Edificio

O Centro Sociocultural Maruxa e Coralia atópase nun edificio de tres andares, con fachada á praza Salvador Parga e un patio traseiro delimitado por muros de mampostería adicado a xardín. Obra do arquitecto Faustino Domínguez Coumes-Gai, o proxecto orixinal constaba de dúas plantas e o edificio estaba destinado a Casa Monte de Piedade. Posteriormente, o edificio reformouse e ampliouse unha altura.

O Concello de Santiago rehabilitouno recentemente por 263.116,21 euros, para adaptalo a local sociocultural, cunhas instalacións acordes ás necesidades do servizo de actividades socioculturais e ás asociacións veciñais.

Na primeira zona atópase a recepción, unha oficina, dous aseos (un deles adaptado) e a sala de lectura e posto informáticos. Na zona posterior, vinculada ao xardín, atópase un gran espazo diáfano a modo de sala polivalente e sala wifi no que se manteñen os alicerces de fundición como referencia á obra orixinal do arquitecto Faustino Domínguez Coumes-Gai. Os ócos de fachada levan até a cota do pavimento, convertendo as xanelas existentes en portas que comunican co xardín. Nesta segunda zona sitúanse tamén a aula 1, ou aula polivalente e o almacén.

Finalmente, na zona de xardín, procedeuse á apertura dun oco e á construción dunha pequena rampla a modo de saída de emerxencia que comunica co xardín do Pazo de Amarante.

Compartir: