XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno local aproba a adxudicación dos parques infantís da Almáciga e de Roxos-Quintáns

22/05/2023 A Xunta de Goberno local aprobou hoxe a adxudicación do proxecto do "Parque Infantil da Almáciga" e da "Pista multideporte e parque infantil de Roxos-Quintáns", por un importe conxunto de 234.166,62 euros.

O proxecto "Parque Infantil da Almáciga" adxudicouse á empresa Lappset España V.R., S.L. por un importe total de 84.166,62 euros, ao ser a oferta máis vantaxosa das presentadas. Actuarase sobre unha parcela de 2.789 metros cadrados de superficie, iluminándoa, dotándoa de accesibilidade, e acondicionándoa para crear un espazo de xogos e convivencia que se integre de xeito natural nunha contorna axardinada vinculada ás hortas urbanas da Almáciga e aos parques da Almáciga e Bonaval.

Con este fin, instalaranse xogos para diferentes idades integrándoos dentro dese espazo (que estará concebido como un elemento máis de xogos, con areeiros, e lombas intercaladas). Para completalo, está previsto crear dúas zonas de estancia con bancos e sombra, e dotalo dunha fonte de auga potable, situada nunha zona intermedia.

A actuación contempla a creación de tres lombas integradas na zona de xogo e que formen parte del. Terán forma de boomerang con ángulos asemellados aos do camiño perimetral e situaranse de xeito que haxa un control visual entre elas. Os espazos de xogo estarán separados por bordos de formigón. Aproveitando a pendente xerada nas lombas, instalarase un tobogán con caída ao areeiro, así como unha serie de elementos escalables. Tamén está previsto o acondicionamento do camiño central, e a colocación dunha tirolina, que se situará nunha zona axardinada paralela ao muro de peche do colexio,finalizando nun areeiro semicircular con pavimento amortiguante. Está previsto equipar toda a zona con bancos de madeira, e dotala dunha iluminación adecuada para evitar a contaminación lumínica e centrada nas áreas de xogo.

Pista multideporte

A Xunta de Goberno tamén adxudicou o contrato das "Obras de execución do proxecto de 'Pista multideporte e parque infantil na zona verde do SUNP-25 Roxos-Quintáns' / Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (plan único de concellos) POS+ 2022 da Deputación Provincial da Coruña" a Alcomte Galicia, S.L. por 150.000 euros, IVE engadido.

O obxecto desta actuación é dar servizos aos menores de dez anos, uns 500 nenos e nenas, das parroquias de Figueiras, Villestro e Laraño. A localización deste novo equipamento está prevista na zona verde do desenvolvemento urbanístico do polígono SUNP-25 Roxos-Quintáns situado entre a rúa da Barrosa e a rúa do Nabal, no lugar de Roxos. Segundo o proxecto, o espazo dotarase dunha pista deportiva multiúsos para a práctica do fútbol, baloncesto, balonmán, etc; e dun parque infantil, con randeeira, carrusel, xogo de resorte e elementos multixogos. Tamén contará cunha zona biosaudable para a terceira idade, con temón, volante, xiro-cintura, esquí de fondo, randeeira e surf; así como unha fonte bebedoiro e bancos.

Outros acordos

Ademais, na Xunta de Goberno, deuse luz verde á licitación do "Servizo de xestión e desenvolvemento do programa municipal de Conciliación de Verán do Departamento de Educación", cun orzamento base de licitación de 120.951,30 euros.

Este programa de conciliación está destinado á poboación escolarizada en educación infantil e primaria do municipio de Santiago. Vaise desenvolver nos CEIPs Quiroga Palacios e Monte dos Postes entre o 22 de xuño e o 8 de setembro, ambos incluídos. Entre os seus obxectivos está favorecer a conciliación da vida familiar, laboral e persona; e dar resposta á necesidade que teñen os menores de ocupar o seu tempo de ocio e tempo de lecer no verán, de xeito dinámico e divertido e desde unha perspectiva educativa e integradora.

O programa divídese en seis quendas. A primeira, de sete días, do 22 ao 30 de xuño, inclusive (165 prazas para actividades, 60 para almorzo e 105 para xantar). A segunda, de 10 días, do 2 ao 14 de xulllo, e a tercera, de 9 días, do 17 ao 28 de xullo (nestas dúas quendas hai dispoñibles 225 prazas para actividades, 90 para almorzo e 135 para xantar). A cuarta, tamén de dez días, do 31 de xullo ao 11 de agosto; e a quinta, do 14 de agosto ao 1 de setembro (nestas dúas quendas hai dispoñibles 90 prazas para actividades, 60 para almorzo e 60 para xantar). E a sexta e última, desenvolverase do 4 ao 8 de setembro inclusive (135 prazas para actividades, 60 para almorzo e 90 para xantar). Os días festivos non hai servizo.

Os prezos completos (con almorzo, xantar e actividades) para as quendas segunda, terceira, cuarta e quinta é de 34 euros. Se a nena ou neno vai só a actividades, é de 18 euros; engadindo o xantar, 28 euros; e con almorzo 24 euros. Os prezos completos (con almorzo, xantar e actividades) para as quendas primeira e sexta son de 17 euros. Se a nena ou neno vai só a actividades, é de 9 euros; engadindo o xantar, 14 euros; e con almorzo 12 euros. Estes prezos tan reducidos, son posibles grazas á bonificación media do 85% aportada polo Concello de Santiago co obxecto de que sexa accesible para todos os niveis de renda e amortigüe o impacto orzamentario das condicións económicas inflacionarias na renda familiar.

Documentos relacionados



Compartir: