CONSORCIO

Aberta na Casa do Cabido a exposición 'Mirar a cidade. Unha visión poliédrica', do fotógrafo Fuco Reyes

15/05/2023 A Casa do Cabido de Santiago acolle, desde esta semana, a exposición 'Mirar a cidade. Unha visión poliédrica' que recolle instantáneas tomadas polo fotógrafo santiagués Fuco Reyes. Poderá ser visitada de balde durante os próximos meses en horario de 10 a 14h e 17 a 21h de martes a sábado e 11 a 14 h os domingos.

A mostra, que inclúe 50 fotografías de diversos recunchos da cidade, é unha visión persoal de Santiago desde a mirada do autor. "Construímos unha cidade invisible, un imaxinario persoal e singular de Compostela. Unha visión poliédrica e atemporal de espazos urbanos que xeran procesos de pensamento que nos converten en espectadores e actores únicos", indica Fuco Reyes.

Para Reyes, esta é unha forma de pensar Compostela. "Convertémonos no nexo que une a quen viviu a cidade e a quen a vivirá, nun reencontro constante co tempo. O pasado, o presente e o futuro combinados nun agora que nos permite recoñecernos, vivirnos en cada instante e facernos sentir que, nós, somos esta cidade", engade.

A exposición poderá ser visitada durante os próximos meses na Casa do Cabido da Praza de Praterías en horario de mañá e tarde (10h a 14h e 17h a 21h) de martes a sábado e os domingos de 11h a 14h.

Compartir: