FESTAS

A praza da Quintana acollerá mañá o concerto "Los 40 Santiago Pop" que inaugura as Festas da Ascensión deste ano

15/05/2023 As festas compostelás por excelencia arrancarán mañá co concerto de "Los 40 Santiago Pop" que reunirá na praza da Quintana a partir das 21:30 h, figuras do panorama musical actual como Marc Seguí, Zzoilo ou Miriam Rodríguez. A orquesta Panorama, Ana Moura ou Ortiga e Pili Pampín son outras das actuacións destacadas das Festas deste ano, así como a celebración da primeira edición do Composfest que reunirá o venres na Quintana artistas locais como Carlangas ou Ruxe Ruxe. O Recinto Feiral de Amio acollerá a popular Feira Cabalar durante a xornada do xoves da Ascensión e a Festa dos Maiores o vindeiro sábado.

Os festexos arrancarán mañá martes ás 21:30 horas, na praza da Quintana, co concerto Santiago 40 Pop, organizado polos 40 principais da Cadena Ser, que contará coas actuacións de Marc Seguí, Zzoilo, Miriam Rodríguez, Depol - Hilario, Nerea Rodríguez e Meler - Angy e Mondra, presentado por Tony Aguilar.

O programa inclúe citas musicais para todos os gustos: a cantante portuguesa Ana Moura, o mércores ás 21 h na Quintana, e a Orquestra Fani Blanco Show ás 22 h na Alameda. O xoves será a quenda do grupo de jazz latino Corriente del Golfo na praza da Quintana (21 h) e da mítica orquestra Panorama a partir das 22 h na praza do Obradoiro.

Ademais, a praza da Quintana acollerá o venres a partir das 20:30 horas o Compos Fest, que contará con recoñecidos artistas e grupos locais como Carlangas, Ruxe, Ruxe, Nastasia Zurcher e Moncho e Los Apóstoles. No mesmo emprazamento, o día 20 terá lugar o concerto Estrella Galicia, e o día 21, pechando estas festas, a Ortiga e Pili Pampín.

Ademais, desde hoxe, distintas corais da cidade interpretarán as súas pezas en varios CSC e a Banda Municipal de Santiago amenizará coa súa música as rúas da cidade. Tampouco faltarán as tradicionais alboradas que ambientarán a cidade desde o xoves ata o domingo, en horario de 10 a 12 h. Ademais, en diferentes prazas da vila, cidadáns e visitantes poderán desfrutar das actuacións máis tradicionais cos ciclos "Folk na rúa" (xoves, 18 de maio) e "Escolas de Baile Tradicional" (sábado, 20 de maio), ofrecido polas agrupacións folclóricas da cidade como Cantigas e Agarimos, Ultreia ou Brincadeira, entre outras.

Varios locais de Santiago acollerán o sábado as interpretacións de varios grupos de Cantos de Taberna cunha actuación conxunta final. O mesmo día pola tarde, o CSC Maruxa e Coralia ofrece un obradoiro para todas as persoas interesadas neste tipo de cánticos populares.

Durante as Festas, tamén se desenvolverá III Certame coreográfico Compostela, o 19 de maio ás 18 h e o XIII Festival Batebatuke, ao longo das xornadas do sábado e domingo. Ademais, o programa deste ano inclúe un paseo guiado sobre "O seminario de Estudos Galegos en Santiago de Compostela" que terá lugar por partida dobre, o xoves e o venres ás 19 horas, e coincidirá coa celebración do I Encontro profesional galego de construcción de instrumentos musicais.

Feira Cabalar

O día grande das Festas, o xoves da Ascensión, terá lugar a comparsa de cabezudos cun percorrido polas rúas compostelás desde ás 10 da mañá, e a tradicional Feria Cabalar no Recinto Ferial de Amio, e que ofrecerá un amplo programa de actividades dirixido a todos os/as afeccionados/as ao mundo do cabalo galego, con andaduras, mostras cabalares e entrega de premios, ademais dun espectáculo ecuestre de doma.

Festas dos Maiores

Un ano máis volve a Festa para as Persoas Maiores, na que é xa a súa 24 edición, para que os nosos maiores poidan reunirse e desfrutar xuntos dun xantar con sobremesa amenizada polo Grupo Alaska e José Manuel "Abanico", a un prezo adaptado a todos os petos de 7,50 euros. Esta xuntanza terá lugar o sábado 20 de maio ás 14 h no Recinto Feiral de Amio, e as entradas estarán dispoñibles no despacho de billetes do Teatro Principal. Para o acceso ao recinto, o Concello porá a disposición dos asistentes un servizo especial que cubrirá o traxecto desde praza de Galicia ata Amio, entre as 12:00 a as 14:00 h e de Amio ata a praza de Galicia, entre as 17:00 e as 19:00 h.

Outra das actividades tradicionais que se repetirá este ano é o torneo da Chave, que acada a súa XLVI edición e que se desenvolverá venres e sábado na Alameda compostelá.

Ademais, o programa inclúe outras actividades para públicos diversos, como a representación da peza de teatro "Fractales Sonoros. Cruzando posibilidades" de Alejandro Vargas, que terá lugar no Teatro Principal o martes 16 ás 20:30, ou os espectáculos de circo "Malabarian on de Rox", o mércores ás 17 h e de maxia "Rock & Magic" do Mago Teto, o domingo ás 19 h, ambos na praza de Mazarelos. O Centro Xuvenil Don Bosco acollerá o venres pola noite un ciclo de milongas precedido por un curso de tango no palco da Alameda ás 17 h, e a charla de Chusa Pérez de Vallejo "El tango es una historia", o sábado 20 a partir das 16 h.

Punto Lila

Como en anos anteriores, vaise instalar un punto lila, na Alameda, de oito da tarde a unha a madrugada, co obxectivo de e informar, e protexer, darlle seguridade tanto ás mulleres como ás persoas do colectivo LGTBI.

Durante os días de duración das Festas, a Alameda volverá a acoller as populares atraccións para deleite dos máis pequenos.

Toda información do programa estará dispoñible na páxina web municipal e nas redes do Concello.

Direccións relacionadas



Compartir: