EDUCACIÓN

Programa municipal de conciliación de verán 2024

06/05/2024 A Xunta de Goberno Local na súa sesión do 6 de maio aprobou os prazos de solicitude e o procedemento de admisión do "Programa municipal de conciliación de verán 2024", destinado á poboación escolarizada en educación Infantil e Primaria do municipio de Santiago, que se vai desenvolver nos CEIP Ramón Cabanillas e Monte dos Postes entre o 24 de xuño e o 10 de setembro, ambos incluídos.

O prazo de inscrición establécese entre o 6 de maio, data e aprobación en Xunta de Goberno, e o martes 14 de maio, ambos incluídos. As solicitudes presentaranse segundo o modelo normalizado, nos prazos establecidos ao efecto, a través da sede electrónica do Concello de Santiago, no trámite "Inscrición nos programas de conciliación do Departamento de Educación" dentro do catálogo de trámites dispoñible; ou de xeito presencial, no Rexistro xeral do Concello (rúa do Presidente Salvador Allende 4, Galeras).

O programa de conciliación realizarase no período de vacacións de verán 2024: mes de xuño (días 24, 25, 26, 27, 28), mes de xullo (agás sábados, domingos e festivos), mes de agosto (agás sábados, domingos e festivos) e setembro (días 2, 3, 4, 5, 6, 9, 10). Os días definitivos están suxeitos á aprobación do calendario escolar pola Xunta de Galicia e a conseguinte variación nos días non lectivos de setembro.

Este programa comprende un conxunto de actividades, a desenvolver en instalacións de dous CEIP do Concello de Santiago, destinadas á poboación empadroada ou escolarizada en educación Infantil e Primaria do municipio de Santiago. O programa inclúe a realización de actividades e obradoiros, ademais de poñer a disposición dos nenos e nenas participantes un servizo de madrugadores con almorzo (de 7,45 a 9,00 horas) e de comedor (de 14,00 a 16,00 horas). O horario de prestación directa do servizo será de 7,45 h. ata as 16,00 h.

Pode consultarse toda a información nos documentos que se achegan ao pé.

Compartir: