CIDADES PATRIMONIO

O Grupo de Cidades Patrimonio participa na feria ILTM especializada no sector do luxo de Latinoamérica

12/05/2023 As 15 Cidades Patrimonio da Humanidade, entre as que se atopa Santiago de Compostela, promocionaron a súa oferta turística en Brasil, na feira ILTM Latin América, celebrado entre o 9 e o 12 de maio no pavillón da Bienal de Sao Paulo. A feira alcanza a súa XII edición e é a máis importante orientada ao mercado do luxo, con asistencia de axentes e operadores especializados no sector premium de Brasil e toda Latinoamérica.

A evolución da demanda turística nestes mercados está a experimentar unha excelente recuperación. A capacidade de gasto do segmento luxo é moi alta, superando a media e, aínda que con algunhas diferenzas no ranking dependendo dos países de orixe, España segue sendo un dos destinos preferidos dos latinoamericanos nas súas viaxes a Europa, principalmente atraídos pola cultura, a historia e a gastronomía.

En canto a Brasil, o número de turistas brasileiros que visitan España recuperouse rapidamente despois dos duros anos de pandemia. Segundo datos do INE, durante os tres primeiros meses de 2023 visitaron España 122.216 turistas brasileiros, tan só un 13,26% menos respecto ao mesmo período de 2019. En canto ao gasto, en 2022 incrementouse nun 123,8% con respecto ao ano 2021.

O turista brasileiro que viaxa a España ten un alto nivel adquisitivo e presta moita atención á calidade e exclusividade dos servizos, cun gran interese pola cultura e gastronomía. Ademais, o brasileiro ten en conta con moita frecuencia as opinións doutras persoas para tomar as súas decisións de viaxe. De feito, Brasil é o segundo país do mundo en seguidores de influencers.

A participación do Grupo nesta feira enmárcase dentro do Plan de Acción Anual de Turismo e do convenio de colaboración con Turespaña e a coordinación leva a cabo pola Oficina Española de Turismo en Sao Paulo. Neste marco, a técnica de Turismo do Grupo, Patricia Hernández, mantivo unha intensa axenda de reunións previamente establecidas con provedores (destinos, empresas e entidades turísticas) e axentes e operadores rigorosamente seleccionados, que previamente foron cualificados pola organización do evento, para garantir que os participantes e as reunións mantidas sexan da máxima calidade.

A marca ILTM abarca as principais feiras de luxo por zonas xeográficas, e no mes de xuño, o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade tamén participará na feira ILTM Asia Pacífico, que se celebrará en Singapura, entre os días 19 e 22 de xuño.

Compartir: