XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno local aproba a resolución das axudas destinadas ao deporte federado, das que se benefician máis de 50 entidades deportivas

11/05/2023 A Xunta de Goberno local, reunida en sesión extraordinaria, aprobou onte os expedientes de xustificación de axudas ao deporte federación, presentados por 51 entidades deportivas, que percibirán subvencións por un valor total de 280.289,83 euros.

O obxectivo desta convocatoria, á que se destinaron 300.000 euros, é financiar, en parte, os gastos derivados da súa participación nas competicións deportivas establecidas nos correspondentes calendarios oficiais das federacións autonómicas e nacionais.

Tamén se deu luz verde á proposta de resolución para a concesión de subvencións para o fomento de actividades e programas a favor da igualdade efectiva entre mulleres e homes e das persoas do colectivo lésbico, gay, transexual, bisexual, Queer e intersexual (LGTBQI) de prevención e loita contra as violencias machistas para o ano 2023. Trece entidades beneficiaranse destas subvencións, ás que se destinaron 30.000 euros.

Centros Socioculturais

A Xunta de Goberno tamén aprobou os prezos públicos reducidos das actividades específicas de tempo libre con horario de conciliación.

Os departamentos de Centros Socioculturais e de Medio Rural veñen desenvolvendo o programa de verán con horario de conciliación durante o mes de xullo, tanto en centros socioculturais urbanos como do rural. Este ano a proposta recolle accións nos centros de Santa Marta, Pontepedriña, O Ensanche, O Castiñeiriño , Vite, A Gracia, Figueiras, Marrozos, Lavacolla, Laraño; Bando e Nemenzo; con actividades de interior e de saída pola contorna, obradoiros que fomenten a creatividade, a sociabilidade, o respecto á natureza e a convivencia.

Os prezos reducidos para estes 12 centros socioculturais, para o mes de xullo quedarían da seguinte maneira:

Mes completo: 80 euros
Quincena: 40 euros

Aplicarase un desconto do 50% cando existan razóns sociais, benéficas, culturais ou de interese público que así o aconsellen, entre elas, a familias numerosas, monoparentais, persoas con discapacidades e/ou pensionistas. Os prezos quedarían das seguinte maneira:

Mes completo: 40 euros
Quincena: 20 euros

A maiores, aplicarase un desconto do 20% cando participen dous ou máis irmáns no programa, quedando os prezos do seguinte xeito:

Mes completo: 64 euros
Quincena 32 euros

Por outra banda, aplicarase un desconto do 100% para familias con situación económica deficitaria ou en situación de risco social (neste caso deberán contar obrigatoriamente co informe previo do departamento municipal de servizos sociais).

A previsión de ingresos é de 14.900€, os pagamentos deberan efectuarse mediante a sede electrónica do Concello de Santiago no prazo límite do 21 de xuño de 2023.

Compartir: