CENTROS SOCIOCULTURAIS

A rede de Centros Socioculturais acolle o ciclo de teatro amador FegaTeatro con pezas para todos os públicos

11/05/2023 A concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, acompañada por Chelo Pampillón e Manuel Dasilva, presidente e tesoureiro de FEGATEA, presentou esta mañá o ciclo de teatro amador "FegaTeatro" que arrancará o vindeiro 16 de xuño no Centro Sociocultural de Villestro.

O Centro Sociocultural de Villestro acollera o vindeiro 16 de xuño, a primeira obra de teatro amador do ciclo FegaTeatro, que se estenderá no tempo ata o 16 de decembro, cunha derradeir función no CSC de Santa Marta. En total ao longo destes meses levaranse a cabo dez funcións dirixidas a diferentes públicos: infantil, familiar e adulto, que pasarán polos seguintes centros urbanos e do rural: Villestro, As Fontiñas, Cesar, O Ensanche, Castiñeiriño, Vite, Cidade Histórica, A Rocha, O Romaño e Santa Marta.

O "FegaTeatro" xurde como unha aposta cultural por achegar o teatro amador a toda a veciñanza a través da rede de CSC de Santiago, mesmo a aqueles centros que non contan cunha dotación técnica ampla. O obxectivo deste ciclo é ampliar a oferta cultural, e contribuír á creación de novos públicos, chegando a espazos tanto do urbano como do rural que non teñen una programación teatral estable.

Esta iniciativa foi desenvolvida polos departamentos de Acción Cultural e Centros Socioculturais do Concello de Santiago en colaboración coa FEGATEA, a Federación Galega de Teatro Afeccionado, co propósito de achegar o teatro afeccionado a toda a veciñanza.

O teatro amador, tamén chamado teatro afeccionado, é o teatro realizado de xeito non profesional por persoas que non perseguen con esta actividade un interese económico, senón beneficios diversos vinculados co lecer, a socialización, a participación cultural, o desenvolvemento artístico ou a saúde.

A concelleira Mercedes Rosón, destacou que o teatro amador "representa a esencia dos nosos centros socioculturais e da acción cultural que vimos desenvolvendo", xa que se contribúe a "ampliar a oferta cultural, á creación de novos públicos, chegando a espazos tanto do urbano como do rural que non teñen una programación teatral estable, e tamén estamos creando lazos de socialización, e participación cultural, obxectivos nos que FEGATEA ten un especial protagonismo, por ese labor que ven desenvolvendo e que quero agradecer".

Federación Galega de Teatro Afeccionado

A Federación Galega de Teatro Afeccionado, formada hoxe en día por 55 grupos das catro provincias constituídos por máis de 600 persoas, conforma na actualidade a entidade máis representativa do teatro amador galego, afianzándose ano a ano como axente cultural imprescindible para a creación de novos públicos e a promoción da cultura e a lingua galega.

Ó longo dos seus 23 anos de historia, a FEGATEA foi ampliando e consolidando un espazo propio para ao teatro afeccionado galego, espazo do que dan fe as diferentes actividades que organiza e outras nas que colabora ou participa, estimulando a ampliación, diversificación e mellora dos espazos destinados ao teatro, creando unha programación teatral estable a nivel autonómico mediante a colaboración e a sinatura de convenios con entidades públicas e privadas e traballando na proxección nacional e internacional do teatro amador galego por medio da colaboración e intercambio con outras entidades nacionais e internacionais.

Compartir: