TURISMO

Turismo de Santiago promociónase en Seúl co obxectivo de reactivar o mercado coreano

05/05/2023 Corea do Sur é un mercado estratéxico para a cidade por ser o país cun maior gasto medio diario en España, 378 euros por persoa.

Turismo de Santiago está participando na Kofta, a feira turística máis importante de Corea do Sur, que se celebra en Seúl entre o 4 e 7 de maio. O principal obxectivo da entidade de promoción turística municipal é reactivar neste 2023 o mercado coreano, tremendamente golpeado polo Covid-19, como en xeral os mercados asiáticos, onde se aplicaron medidas moi restrictivas ás viaxes durante un periodo moi prolongado de tempo.

Antes da pandemia, Corea do Sur era o país cun crecemento máis intenso nos últimos vinte anos no número de peregrinos. No Ano Santo 2004 a presenza de peregrinos coreanos era anecdótica. Naquel ano houbo apenas 14 peregrinos procedentes do país asiático. Sen embargo, despois da publicación de diferentes libros sobre o Camiño de Santiago e a intensificación da promoción no país, o número de peregrinos foi crecendo ano tras ano ata alcanzar os 8.213 no 2019.

Estas cifras víronse moi afectadas polo Covid-19. Así, no 2020 houbo 902 peregrinos de Corea, que baixaron ata 332 no 2021, e no 2022 comezou xa a reactivación, chegando a 4.132, a metade que no último ano pre-Covid.

Trátase dunha cifra moi importante, que indica o interese crecente por Santiago en Corea do Sur, un mercado estratéxico para a consolidar o modelo turístico de alto valor engadido da cidade, xa que, segundo os datos do INE, os turistas coreanos foron no 2022 os turistas con maior gasto medio diario por persoa en España, con 378 euros.

Ademais, o mercado coreano é un mercado fundamental para Santiago pola súa contribución á desestacionalización, xa que os turistas coreanos prefiren viaxar durante os meses de outono e inverno, coincidindo cos seus periodos de vacacións. Segundo os datos de Turespaña, o 95% dos turistas coreanos pernoctan en hoteis.

Turismo de Santiago participaba regularmente na Kofta dende o ano 2014. Sen embargo, dadas as cancelacións debido á pandemia, non se puido facer promoción directa nesta feira entre os anos 2020 e 2022. Por iso a presenza na edición deste 2023 é unha gran oportunidade para impulsar a reactivación deste mercado estratéxico, co obxectivo de recuperar o ritmo de crecemento previo á Covid-19 e superar as cifras anteriores.

Compartir: