EDUCACIÓN

Ábrese o prazo de preinscrición de novo alumnado para o curso 2023-2024 da Escola Municipal de Música

05/05/2023 Tras a publicación da lista de prazas vacantes para o vindeiro curso, as persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude de preinscrición na EMM, desde hoxe, 5 de maio, ata o 25 de maio.

Finalizado o prazo de renovación de praza do alumnado actual para o curso 2023-2024, a Escola Municipal de Música acaba de publicar as prazas vacantes e a apertura dos prazos de preinscrición para o novo alumnado.

Todas as persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude de preinscrición na Escola Municipal de Música do novo alumnado entre o 5 e o 25 de maio, de acordo coas prazas vacantes dispoñibles para o vindeiro curso 2023-2024.
É requisito imprescindible que a persoa solicitante estea empadroada no Concello de Santiago ou que curse estudos da ensinanza obrigatoria ou estudos de grao medio, superior ou estudos universitarios en Santiago de Compostela.

A solicitude de preinscrición poderá presentarse ben por medios electrónicos a través da sede electrónica do Concello de Santiago (trámite "Inscrición na Escola Municipal de Música") ou de xeito presencial no Rexistro xeral (rúa do Presidente Salvador Allende 4, Galeras), ou en calquera das outras formas previstas na lei.

As persoas interesadas poden descargar o impreso de solicitude da sede electrónica do Concello, na web da Escola Municipal de Música ou solicitándoa por correo electrónico á EMM: info@emmsantiagodecompostela.com.

IMPORTANTE: se no presente curso 2022-2023 unha persoa quedou en situación de lista de agarda, debe volver presentar a solicitude para o curso 2023-2024.

Compartir: