EMPREGO

O Concello de Santiago incorpora na sede electrónica a solicitude do servizo gratuíto para a limpieza de pintadas

04/05/2023 Desde hoxe, todas as persoas que o precisen poderán solicitar a limpeza de pintadas e graffiti a través da sede electrónica da web do Concello de Santiago. Este servizo municipal, que xa realizou máis de 300 actuacións desde a súa posta en marcha en 2021, reforza o seu equipo con 3 novas incorporacións grazas ao financiamento do Programa de Emprego Local da Deputación da Coruña.

O Alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, visitou esta mañá aos operarios do equipo municipal que traballa na eliminación de pintadas e graffiti nos espazos públicos e privados que dan á vía pública.

O rexedor calificou as pintadas e os carteis pegados con cola como "unha praga e un auténtico acto vandálico que causa un enorme dano e afea a imaxe da cidade". O rexedor quixo recordar tamén que "a obriga de manter limpios os locais, as fachadas e os escaparates corresponde aos propietarios", pero que "desde o Concello préstase este servizo de forma gratuíta a todas aquelas persoas que o soliciten" polo que fixo un chamamento a toda a cidadanía para contar coa súa colaboración. "Ás veces é o Concello por propia iniciativa o que se pon en contacto cos titulares dos inmobles, e estes teñen que darlle a súa autorización", engadiu.

O responsable do Departamento de Emprego, Xabier Ferreiro, detallou que ata día de hoxe "uns 100 propietarios solicitaron este servizo, aínda que a limpeza dos elementos multiplícase por dous ou tres, xa que ademais da porta, pode estar afectado o portalón, os escaparates... polo que ata o momento xa se fixeron máis de 300 intervencións". Ferreiro explicou que estas novas tres persoas que se incorporaron ao equipo "están a recibir unhas 10 peticións por semana", aínda que se espera "un incremento do número de solicitudes nas vindeiras semanas".

Este servizo arrancou en outubro de 2021 cun plan piloto que cubría toda a cidade histórica, e que estendeu as súas intervencións a toda a cidade en agosto de 2022. Desde hoxe incorpórase tamén a posibilidade de tramitación online a través da sede electrónica da web do Concello.

Para solicitar o servizo servizo de limpeza e retirada de carteis, os/as propietarios/as deben cubrir o impreso de solicitude correspondente e presentalo a través do trámite "Limpeza de pintadas" na sede electrónica da web municipal, de forma presencial nas oficinas de rexistro permitidos ou por correo electrónico a limpezapintadas@santiagodecompostela.gal.

O Concello pon tamén a disposición dos usuarios e usuarias o número de teléfono 618 509 278 para formular calquera dúbida ou consulta.

A mellora e reforzo deste servizo, posto en marcha polo Departamento de Emprego do Concello de Santiago, está subvencionado integramente pola Deputación Provincial da Coruña, no marco do Programa de Axudas á Contratación de Persoal para a execución de Obras e Servizos Municipais (PEL-CONCELLOS) para o ano 2023.

Compartir: