TURISMO

Máis de 4.000 persoas recibiron xa o Pasaporte Dual por percorrer o Camiño de Santiago e o Kumano Kodo

03/05/2023 Santiago de Compostela, cidade Patrimonio da Humanidade, e a cidade de Tanabe, destino do Kumano Kodo, levan anos traballando nun proxecto turístico de dimensión global.

Santiago de Compostela e Tanabe levan traballando conxuntamente desde o ano 2008, cando se asinou o primeiro convenio de colaboración entre ambas cidades que sentou as bases dunha relación cada vez máis profunda. Por exemplo, pasouse de desenvolver accións puntuais nos primeiros anos, como presentacións conxuntas en Fitur ou a creación dunha web común, spiritual-pilgrimages.com, a accións con maior vinculación, como un intercambio de persoal para coñecer mellor as formas de traballar no ámbito turístico.

Un dos proxectos máis importantes naceu no 2015, cando se creou o Pasaporte Dual. O Pasaporte Dual concíbese como un documento similar á credencial do Camiño de Santiago, pero no que se recoñece que se fixeron os dous Camiños, o de Santiago e o de Kumano, ambos os declarados Patrimonio da Humanidade.

Cando unha persoa completa os dous Camiños recibe un pin conmemorativo cos símbolos propios de ambos os roteiros de peregrinación, a vieira do Camiño de Santigo e o corvo de Tanabe e súbese unha fotografía a unha web común como recordo dixital do logro conseguido.

Desde a creación do Pasaporte Dual, máis de 4.000 persoas percorreron ambos camiños. Trátase dunha cifra moi relevante xa que desde comezos do 2020 ata finais do 2022 o Pasaporte Dual viuse moi afectado polo impacto das restricións para viaxar xeradas polo coronavirus.

Pero xa nos primeiros meses deste 2023 está a vivirse unha reactivación moi forte. Así, no pasado marzo entregáronse 132 pasaportes duais, superando os 90 que se entregaron en marzo de 2019, os 61 de marzo do 2018 ou os 30 de 2017. Esta evolución xa a comezos de ano fai pensar nunha forte recuperación do Pasaporte Dual neste ano.

Desde a súa creación no 2015, percorreron xa ambos os camiños 4.072 persoas, procedentes de máis de 50 países. O país con maior número de peregrinos duais é Xapón, con 1.183. En segundo lugar vén Australia, con 603, e en terceiro lugar EEUU, con 478. Estes datos amosan o interese global que ten o Pasaporte Dual. Trátase de dous Camiños Patrimonio da Humanidade que se atopan en continentes distintos, Europa e Asia, e que a súa vez son capaces de atraer en primeiro lugar a turistas doutros dous continentes, Oceanía e América.

Compartir: