EDUCACIÓN

Do 24 de abril ao 7 maio estará aberto o prazo para solicitar praza no programa de conciliación de verán VacaLudos do espazo de lecer María Miramontes

20/04/2023 A partir do 24 de abril e ata o 7 de maio (ambos os dous inclusive) estará aberto o prazo de solicitude de praza para participar nas actividades do programa de conciliación de verán VacaLudos, que se desenvolverá no Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes (Ludoteca das Fontiñas) entre os meses de xuño e setembro.

O programa dividirase en seis quendas: a primeira, do 22 ao 30 de xuño; a segunda, do 3 ao 14 de xullo; a terceira, do 17 ao 31 de xullo; a cuarta, do 1 ao 14 de agosto; a quinta, do 17 ao 31 de agosto; e a sexta, do 1 ao 8 de setembro.

As persoas usuarias poderán desfrutar dun máximo de dúas quendas, a non ser que haxa prazas dispoñibles noutras. No caso de quedar prazas baleiras nalgunha das quendas asignaranse tamén segundo os criterios de prioridade fixados e será a única vía para a adxudicación de máis de 2 quendas. As persoas usuarias deberán solicitar, unicamente e por orde de prioridade, as quendas de interese. O Centro asignará as prazas en función dos criterios de acceso e da prioridade seleccionada polas familias solicitantes.

As actividades son de balde e a solicitude de matrícula realizarase segundo as indicacións recollidas no documento ao pé desta información.

O Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes (Ludoteca das Fontiñas) está ubicado na Rúa Fontes do Sar, núm. 3, en Santiago de Compostela. Conta cunha superficie total construída de 1.080,50m2 e unha superficie útil de 730,63 m2, dividida en dúas plantas.

Ten unha finalidade lúdica, socioeducativa, cívica, cultural e inclusiva, cun proxecto cuxo obxectivo principal é garantir o dereito dos nenos e nenas ao xogo e a colaborar, así, no desenvolvemento integral da persoa, polo que está equipado cun fondo organizado de xogos, xoguetes, libros e outros elementos lúdicos adecuados á súa idade. Inclúen espazos psicomotrices, áreas de xogo simbólicas e tamén xogos multimedia.

Documentos relacionados



Compartir: