ACCIÓN CULTURAL

Et Suseia Danza estrea a próxima semana ‘O que non se ve’ no Teatro Principal

20/04/2023 Será o vindeiro venres, 28 de abril, ás 20.30 h nun espectáculo no que unen os dous estilos de danza: a tradicional galega e a contemporánea. As entradas, a 10 euros (cos descontos do 50% para os colectivos habituais) poden mercarse na web compostelacultura.gal, no despacho de billetes da Zona C ou no do Teatro o propio día do evento.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, presentaron esta mañá a estrea absoluta de ‘O que non se ve’, o novo espectáculo de Et Suseia Danza. Fixérono acompañados dos dous coreógrafos da obra: Diego Landín e Gustavo Couto. O espectáculo será o vindeiro venres, 28 de abril, ás 20.30 h no Teatro Principal, dentro da programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura. As entradas poden mercarse na web do departamento, compostelacultura.gal, e no despacho de billetes da Zona C no seu horario habitual. Ademais, tamén poderán adquirirse o propio día do evento desde unha hora antes do seu inicio, no despacho de billetes do Teatro Principal.

‘Et suseia’: Máis alá

A compañía Et Suseia Danza adopta o seu nome dun saúdo de ánimo entre os e as peregrinas, ‘Et suseia’ que traducido significa ‘Imos alá’ ou ‘Máis alá’. E, nas súas palabras, "Xusto por iso, creemos que o noso nome é un fiel reflexo do que pretendemos facer, ir máis alá no mundo da danza mesturando tradición con modernidade". Expresan a necesidade de unir dous estilos de danza, a tradicional galega e a contemporánea. Para o que toman prestadas unhas verbas de Castelao, por pensar que é o xeito máis apropiado de entender a súa compañía:
"porque a verdadeira tradición non emana do pasado, nin está no presente, nin se albisca no porvir; non é serva do tempo. A tradición é a alma eterna de Galiza, que vive no instinto popular e nas entrañas graníticas do noso chan. A tradición non é a Historia. A tradición é a eternidade".

Et Suseia fundouse a finais do 2021, despois da unión de sinerxías entre o baile tradicional e a danza contemporánea, máis concretamente no comezo de colaboración entre o OCT Ultreia e o Ballet de Galicia. En pouco tempo buscaron crear o seu espazo dentro da Danza de Galicia, realizando diferentes actuacións polo noso país e polo resto do estado. Tamén lograron acadar diferentes premios coma o primeiro premio no Certame Coreográfico organizado pola ASPG. (2021); o terceiro premio da categoría Fusión, dentro do concurso Vigo Porté. (2021); ou ser finalistas do concurso Interritmos- Son do Rural, organizado pola Asociación DELOA (2021).

‘O que non se ve’

‘O que non se ve’ representa a través da danza a forza e a loita da muller na sociedade actual. Unha mestura de danza tradicional e contemporánea, que pretende mostrar o que existe debaixo das vestimentas tradicionais e no interior das mulleres do noso país. Con esta obra, van un paso máis alá (Et Suseia), para conxugar estilos moi diferentes, pero á vez moito en común. Aportan tamén unha nova sonoridade nas melodías que acompañan o espectáculo, mergullándose na percusión tradicional pero enfocándoa cara un aspecto máis actual. Tamén mudan as letras das melodías, facendo letras propias, nas que amosan o poder da muller na tradición oral.

Coreografías creadas por Erick Pegueros, Diego Landín e Gustavo Couto, mesturadas co son da música de tradición oral, onde se identifica a enerxía das mulleres do rural galego, nas melodías que grazas a elas chegaron ata nós.

Ficha artística

Coreografía contemporánea: Diego Landín e Erick Pegueros
Coreografía tradicional: Gustavo Couto
Corpo de baile: Iria Calvar, Ainhoa Souto e Iria Portos
Grupo instrumental: Cristina Cotilla (percusións) e Gustavo Couto (percusións e voz)
Música/arranxos tradicional: Emilio Lois e Kinhos Saburido
Escenografía: Diego Landín
Vestiario: OCT Ultreia
Técnico de son: Ramón Campos
Técnico de luces: Fran Gómez

Direccións relacionadas



Compartir: