MEDIO RURAL

Avanzan as obras de acondicionamento dos viais dos núcleos de Laraño

03/04/2023 Máis de 15 millóns de euros van investidos no rural nos últimos anos "para reducir a fenda entre o urbano e o rural".

É preto de medio millón de euros o que se está a investir na actuación de acondicionamento e mellora dos pavimentos dos núcleos da parroquia de Laraño. Concretamente 459.717,21 euros cos que, iniciando no ámbito do núcleo de Pardiñas "o que fixemos foi acondicionar o firme primeiro, mediante un rebacheo, para despois executar unha nova capa de rodaxe e, todo isto, incorporando unha senda peonil que sirva de medio de enlace entre o núcleo e a marquesiña do bus" explica a concelleira de Medio Rural.

Begoña Rodríguez que visitou as obras xunto ao xefe de servizo para comprobar o bo ritmo no que avanzan as actuacións, explica que ademais da "total e evidente transformación dos viais", estanse "colocando as tubaxes de abastecemento e saneamento e, nalgún caso incluso, repoñendo as existentes" garantido "que sexa unha obra a futuro".

Máis de 15 millóns de euros no rural

Rodríguez fixo ademais balance das actuacións impulsadas no rural. Son máis de 15 millóns de euros os investimentos realizados, en marcha e comprometidos. O selado do vertedoiro de Aríns, a rehabilitación da Ponte de Vidán, a rexeneración de Santa Teresa Jornet ou o acondicionamento dos centros socioculturais de Grixoa, A Peregrina, Villestro ou Figueiras "son exemplos do traballo que se está a facer por reducir a fenda entre o urbano e o rural, mellorando os servizos e creando as dotacións necesarias para que as nosas 21 parroquias sexan 21 oportunidades para impulsar un Santiago con futuro".

De feito as obras da segunda fase de rexeneración asfáltica da rúa de Santa Teresa Jornet foron recepcionadas estes días logo dunha inversión de 111 mil euros, que se suman aos 220 mil investidos no primeiro tramo de actuación. "A situación do viario existente era moi deficiente e supuña un condicionante importante para o acceso das persoas á residencia que se atopa na zona, polo que creouse unha senda peonil que mellora a accesibilidade e fai máis segura a zona" explicou Rodríguez.

Compartir: