XUNTA DE GOBERNO

Luz verde ás bases reguladoras de venda ambulante de artesanía

27/02/2023 A Xunta de Goberno Local aprobou as hoxe as bases reguladoras para o outorgamento das autorizacións correspondentes ao exercicio da actividade de venda de artesanía en postos desmontables na vía pública. Estas bases establecen as ubicacións na vía pública, o números de postos así como as datas e horarios de venda. Tamén se aprobaron as bases da convocatoria dos Premios SELIC de creación literaria 2023.

En concreto, as "Bases reguladoras para o outorgamento das autorizacións correspondentes ao exercicio de venda de artesanía de bens de artesanía" regulan o espazo de 18 postos, distribuídos en Praza da Inmaculada (6), Praza Salvador Parga (7), Praza de Cervantes (4), e Praza Fonseca (1 posto de fotógrafo).

Establécese un sistema de rotación semana dos postos, excepto o fotógrafo. En canto as datas e horarios da actividade, poderase exercer desde as 09:00 h ata as 21:00 h, diariamente, no período comprendido entre o 15 de marzo e o 31 de outubro.

A venda ambulante poderá ser exercida por toda persoa física ou xurídica, sexan sociedades mercantís ou cooperativas, legalmente constituídas que se dediquen profesionalmente á actividade de comercio polo miúdo e reúna os requisitos establecidos no Regulamento de venda ambulante do Concello de Santiago. Ademais, o seu exercicio no termo municipal de Santiago requirirá a previa autorización do Concello.

Convocatoria dos Premios SELIC

A Xunta de Goberno acordou tamén a aprobación das bases da convocatoria dos Premios SELIC de creación literaria 2023 e a autorización do gasto correspondente. En concreto, a Concellería de Acción Cultural destinará unha partida de 7.500 euros a este certame que ten como obxectivo fomentar a creación no ámbito literario ao mesmo tempo que se promociona a cidade como escenario da actividade artística e creativa.

Os premios SELIC abranguen diferentes xéneros: narrativa, poesía, ensaio e dramaturxia e ofrecen unha dotación económica de 6.000 € e un accésit de 1.500 €. Os premios levan aparellada a súa publicación por parte do Concello de Santiago.

O período de presentación de orixinais remata o vindeiro 10 de setembro e o fallo darase a coñecer antes de finais deste ano, previa deliberación do xurado nomeado para tal fin por órgano competente.

Tamén se aprobou o gasto relativo á convocatoria de subvencións de cooperación ao desenvolvemento 2022 do Concello de Santiago, por un importe de 167.471,36 euros.

Compartir: