PROMOCIÓN ECONÓMICA

O alcalde entrega os premios pola participación no certame de traballos literarios da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela

24/02/2023 Dezaséis alumnas e alumnos recibiron cadanseu bono agasallo para canxear no comercio local especializado en material e xogos educativos. O proxecto continúa a súa liña de implicación e participación cidadá co desenvolvemento dun curso formativo e dun ciclo de encontros de emprendemento.

Sánchez Bugallo presidiu esta mañá a entrega de premios do certame de traballos literarios impulsado pola Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela. O acto desenvolveuse nas instalacións do Colegio Juventud, onde se deu cita o alumnado do centro e veciñanza.

Na súa intervención, o alcalde agradeceu ás crianzas a súa "implicación na aportación de ideas para construír o Santiago do 2030 que queredes. Como cidade amiga da infancia, non podiamos facer outra cousa máis que ofrecervos oportunidades para que nos poidades trasladar as vosas inquedanzas. Sodes o futuro e queremos procurar unha Compostela acaída ás vosas necesidades; unha Compostela sustentable e implicada co benestar social", concluíu o rexedor.

Un total de 16 alumnas e alumnos que o pasado ano cursaban o segundo ciclo de Educación Primaria recibiron cadanseu bono agasallo para canxear no comercio local especializado en material e xogos educativos. Do mesmo xeito, o propio Colexio Juventud recibiu outro bono agasallo para gastar neste mesmo tipo de establecementos.

Os microrrelatos presentados polo alumnado deste centro escolar representaban como lles gustaría que fose o Santiago do futuro. Entre as propostas trasladadas, atópanse o incremento dos carrís bici na cidade, máis zonas de xogos e parques cubertos, pistas de skate ou, incluso, a creación dun parque acuático. Unhas inquedanzas que se toman de referencia para coñecer as demandas da poboación máis nova e para acadar unha cidade do futuro máis implicada coa infancia.

Accións de participación cidadá

A Axenda Urbana 2030 compostelá continúa a súa andaina a prol da implicación cidadá co desenvolvemento de dúas novas iniciativas. Por unha banda, o Concello de Santiago vén de abrir o prazo de inscrición para o curso Axenda Urbana 2030, unha iniciativa formativa dirixida a profesionais dos axentes socioeconómicos implicados no proceso de construción deste importante proxecto e tamén a persoal municipal. Os ODS, o desenvolvemento urbano en Europa, os mecanismos e marcos de financiamento, os contidos básicos da Axenda Urbana Española e o proceso de elaboración e posta en marcha dunha Axenda Urbana e dun plan estratéxico de acción local centrarán as principais temáticas desta proposta.

O curso, a realizar en modalidade online, consta de 40 horas e é de carácter gratuíto. Desenvolverase entre o 15 de marzo e o 16 de maio. Para inscribirse, só hai que cubrir un formulario de participación dispoñible na web da Axenda Urbana 2030 de Santiago e remitilo a cersia@santiagodecompostela.gal antes do 3 de marzo ás 12.00 horas.

Como complemento a esta acción formativa, porase en marcha un programa de Encontros Emprendedores, que se desenvolverán de xeito mensual. Esta iniciativa procura, por unha banda, dar a coñecer as principais liñas de acción da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela e, por outra, servir de espazo de encontro, debate e coñecemento arredor de proxectos empresariais salientables vencellados aos 10 obxectivos da Axenda Urbana Española, resaltando a súa relación coas 6 Dimensións Estratéxicas da Axenda Urbana 2030 de Santiago.

A primeira das sesións terá lugar o vindeiro martes 28 de febreiro de 10.00 a 12.00 horas na sé do Mercado Galego da Creatividade (na rúa da Caldereiría). A xornada, que leva por título 'Territorio, paisaxe e diversidade'. Dinamizando colectivamente o territorio a través da arte, ofrecerá a experiencia de Clara Cordeiro, integrante de 7H Cooperativa cultural. A protagonista compartirá detalles sobre os proxectos de dinamización rural e urbana que desenvolveron, tomando como fío condutor a arte e o diálogo comunitario.

Para asistir a esta xornada, cómpre inscribirse a través do formulario en liña. A asistencia é de balde.

Os encontros continuarán en marzo, coa temática 'Modelo de cidade', mentres que en abril será 'Cambio climático e resiliencia'. A sesión de maio versará sobre 'Xestión sostible dos recursos e economía circular'. En xuño falarase sobre 'Mobilidade e transporte', e en xullo, sobre 'Cohesión social e igualdade de oportunidades'. Agosto será o mes da 'Economía urbana' e setembro, o da 'Vivenda'. Finalizará o ciclo de Encontros Emprendedores coa xornada sobre 'Era dixital', en outubro, e outra sobre 'Gobernanza', en novembro.

Toda a información relativa a estas iniciativas poderase consultar tanto na web do Concello, como no espazo de Cersia Empresa e no portal da Axenda Urbana 2030 de Santiago, ademais de nos diferentes perfís que o proxecto ten en redes sociais (Facebook, Twitter, Instagram e LinkedIn).

ODS 11

A Axenda Urbana 2030 é un documento no que se establece o marco de referencia estratéxica de Santiago de Compostela para a vindeira década, a elaborar por e para a cidadanía. Esta iniciativa inclúese dentro do proxecto da Axenda Urbana Española. Este documento baséase, á súa vez, na Axenda Urbana das Nacións Unidas e quere converterse nunha panca para acelerar a implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible en todos os fitos que teñen compoñente territorial e urbano, particularmente no ODS 11, cidades sostibles, inclusivas, seguras e resilientes.

Este proxecto é posible grazas ao financiamento da Unión Europea a través dos Fondos Next Generation EU e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno estatal e da súa Axenda Urbana de España.

Compartir: