ACCIÓN CULTURAL

Compostela celebra o día de Rosalía no 186 aniversario do seu nacemento

23/02/2023 O 23 de febreiro de 1837 nacía Rosalía de Castro en Santiago de Compostela e para conmemorar o 186 aniversario dese nacemento celebrouse un ano máis o Día de Rosalía. No marco desta efeméride, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, asistiron á ofrenda floral organizada pola Fundación Rosalía de Castro na praza de Vigo, lugar onde naceu a poeta.

Na súa intervención, o alcalde de Santiago subliñou que "Rosalía segue máis viva que nunca" e que "amosa unha tremenda xuventude a través das voces dos rapaces e rapazas presentes", un grupo de alumnado da escola infantil Casa do Neno de San Lázaro, que recitaron varios poemas da escritora durante o acto.

No acto tamén participaron o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; o presidente da Asociación de Veciños Raigame, Xosé Manuel Rodríguez; o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, o secretario xeral de Política Lingüística Valentín García e varios membros da Corporación municipal.

Dueto da EMM

Ademais, unha representación da Escola Municipal de Música participou esta mañá noutro acto de homenaxe organizado pola Fundación Rosalía de Castro no Hostal dos Reis Católicos. As alumnas Lía Ferrer e Estela Pereirao encargáronse de interpretar un dúo de piano e violonchelo con motivo da efeméride da escritora.

Compartir: