POLÍTICAS SOCIAIS

Hoxe ábrese o prazo de solicitude das bolsas de comedor, adquisición de material escolar e actividades extraescolares

24/02/2023 O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou onte a convocatoria de becas de comedor, adquisición de material escolar e actividades extraescolares para o alumnado dos centros docentes públicos e concertados sostidos con fondos públicos de educación infantil (2º ciclo) e de educación primaria obrigatoria para o curso 2023/2024. Polo tanto, a partir de hoxe, 24 de febreiro, ábrese un prazo de 10 días hábiles para presentar as solicitudes.

A esta convocatoria destínanse 795.000 euros, se ben esta contía podería ampliarse no caso de no cubrir todas as necesidades coa partida inicial. Estas bolsas están destinadas a unidades familiares e de convivencia empadroadas en Santiago que, por escaseza de recursos económicos, teñen dificultades ou non poden facer fronte aos gastos relacionados coa escolarización de menores que teñen ao seu cargo.

Hai tres tipos de bolsas: as de comedor, cun máximo de 90 euros ao mes; as destinadas á realización de actividades extraescolares, cun máximo de 30 euros ao mes, e as bolsas para adquisición de material escolar, cun máximo de 60 euros a través dun pago único. A estas modalidades hai que sumar tamén as 160 bolsas de comedor para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, cun importe de 45 euros por mes.

En principio, o período subvencionable para as becas de comedor é de setembro de 2023 a xuño de 2024 (ambos os dous incluídos). Para as de actividades extraescolares é de outubro de 2023 ata xuño de 2024 (ambos os dous incluídos), e para a adquisición de material escolar, dende hoxe, día da publicación das bases no BOP, ata o período máximo de xustificación do material escolar.

As bases da convocatoria, os anexos e impresos que deberán cubrir os/as solicitantes poden consultarse a continuación.

Direccións relacionadas



Compartir: