ALCALDÍA

O alcalde leva ao Ministerio de Transportes a reurbanización do Restollal

19/01/2023 Sánchez Bugallo reuniuse este mediodía coa Secretaria Xeral de Transportes e Mobilidade, María José Rallo e a directora da Oficina da Estratexia e a Mobilidade, Ángeles Marín para explicarlle persoalmente "contido e carácter" do proxecto. Ademais, analizáronse os avances na Plataforma de Reparto de Última Milla, que conta con financiación dos Next Generation.

"Expliqueille cal é a súa conexión coas zonas de baixas misións e con outras actuacións que se están a desenvolver como a reurbanización de Clara Campoamor ou a nova Intermodal" explicou o alcalde logo dunha reunión que cualificou de "interesante e amable".

Bugallo amosouse optimista de cara a que no mes de marzo o Ministerio de Transportes resolva favorablemente a solicitude de subvención e, así, obter os fondos necesarios, 4,59 millóns de euros, para iniciar canto antes a intervención coa que se convertería nunha gran avenida urbana.

Avances na plataforma loxística

Outro dos temas que centrou a reunión foi a plataforma loxística para o reparto de mercadorías no casco histórico que se contempla no entorno de Mercagalicia, no Polígono do Tambre, e que está xa "encamiñado" segundo sinalou o alcalde.

Explicou Sánchez Bugallo que "actualmente está avanzada a tramitación urbanística da parcela", asinados "tódolos convenios tanto co Consorcio de Santiago como coa empresa Mercasa para a súa execución": "observamos con satisfacción que se están cumprindo tódolos obxectivos e compromisos establecidos" destacou o alcalde.

Compartir: