IGUALDADE

COMPigual lanza dous novos recursos sobre igualdade para os centros educativos

19/01/2023 O programa COMPigual, Compostela pola Igualdade de Xénero, impulsada polo Concello de Santiago para levar a educación en igualdade e a prevención da violencia á comunidade educativa, presentou hoxe dous novos recursos: as receitas coeducativas e o xogo virtual A-BANEANDO as violencias machistas.

A concelleira de Igualdade, Mercedes Rosón, presentou esta mañá en rolda de prensa as dúas novas accións desta campaña: unha guía dixital de recursos coeducativos e un xogo virtual para traballar a educación en igualdade e a prevención da violencia de xénero. Na presentación tamén estiveron Rosa Torrado, coordinadora xeral do programa e directora de RETNOVA Proxectiva Consulting, S.L, empresa adxudicataria do proxecto, e parte do seu equipo.

A Guía dixital de recursos didácticos para a igualdade: receitas coeducativas é unha ferramenta deseñada para docentes de educación infantil, primaria, secundaria e formación profesional. Trátase dunha guía didáctica con ideas, suxestións e técnicas que permiten e facilitan a sensibilización, a reflexión e a promoción da igualdade de oportunidade na educación. Esta guía inclúe máis de 60 fichas de actividades (receitas) adaptadas ás diferentes etapas educativas que conteñen recursos atractivos e motivadores para levar a cabo nas aulas.

Ademais, ofrece unha variedade de recursos (xogos, guías, música, películas etc.) para motivar ao profesorado a deseñar as súas propias actividades desde unha perspectiva igualitaria, non discriminatoria e superadora dos estereotipos nesgados polo xénero. A guía estará dispoñible na páxina web do CIM (Centro de Información ás Mulleres) de Santiago e será enviada aos centros educativos que participan en COMPigual.

Tamén se presentou A-BANENADO as violencias machistas, un xogo interactivo orientado ao alumnado da E.S.O, Bacharelato e de Formación Profesional co que aprender a identificar as formas de violencias machistas producidas en diferentes contextos. Inclúe preguntas apoiadas con imaxes, textos, cancións ou vídeos recoñecibles pola xuventude e unha breve explicación teórica para comprender e afondar nos contidos relacionados coas ciberviolencias, os mitos do amor romántico, o consentimento, os mitos da violencia de xénero etc. A-BANENADO as violencias machistas é un recurso para traballar de maneira individual, en grupo, en familia e pode ser utilizado como recurso coeducativo nas aulas. O xogo estará accesible a través dunha ligazón e tamén da lectura dun código QR.

Educación en igualdade
Impulsada polo Concello de Santiago, a iniciativa COMPigual arrancou en abril de 2021 e, desde entón, desenvolvéronse accións formativas nos centros de educación infantil, primaria e secundaria, deseñouse unha guía de fomento da lectura coeducativa en familia e realizáronse varios encontros de familias e profesorado para identificar e actuar ante posibles casos de violencia de xénero nas súas fillas e alumnas.

COMPigual continúa co firme convencemento de que o sistema educativo é o recurso de socialización con maior viabilidade para materializar e garantir unha educación inclusiva e equitativa.

Esta iniciativa forma parte da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado do Concello de Santiago (EDUSI Santiago) cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.

Direccións relacionadas



Compartir: