TURISMO

O Concello de Santiago presentará SantiagoNow e recibirá tres galardóns de SICTED na nova edición de FITUR que arranca mañá

17/01/2023 Ademais da presentación da nova ferramenta web SantiagoNow con información actualizada para os visitantes, a cidade recollerá na gala organizada por SICTED, o premio ao mellor destino de Calidade de España, o segundo na categoría de mellor proxecto de mellora de destino e o terceiro á mellor actuación de sostenibilidade. FITUR, a feira de referencia no sector do turismo en España, desenvolverase desde mañá, día 18 e ata o 22 de xaneiro en IFEMA Madrid.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Raimil, encargaranse de presentar mañá ás 11:30 horas no stand de Galicia, unha nova páxina web baixo o nome de 'SantiagoNow' concebida para que os visitantes poidan consultar a través do seu teléfono, dun modo sinxelo e áxil, información concreta sobre que facer o propio día en Santiago. Esta ferramento pretende dar unha resposta rápida ás preguntas máis repetidas nas oficinas de información da cidade, onde se atenden unhas 200.000 persoas ao ano, ofrecendo información actualizada sobre visitas e tours turísticos, actividades culturais ou de ocio, ou dispoñibilidade de prazas de aloxamiento no mesmo día.

Na xornada de mañá, o alcalde e o concelleiro Sindo Guinarte tamén aproveitarán a súa presenza en FITUR para asistir á presentación do Ano Picasso, que terá lugar ás 16:00 h no stand de Turespaña e que contará coa presenza do ministro de Cultura e Deporte, Miquel Iceta.

Premios SICTED

No marco dos actos programados, FITUR acollerá o 19 de xaneiro ás 10:30 horas, a XIII Edición dos Premios SICTED na que se recoñecerá de forma pública a Santiago como o mellor destino turístico do ano 2022. Ademais, a cidade, recibirá un segundo premio na categoría de "Mellor proxecto de mellora de destino SICTED", grazas a un Plan de Comunicación e Marketing do SICTED. O Plan desenvolveuse no 2022 cos obxectivos xerais de fomentar a calidad en destino e de promocionar os establecementos e empresas comprometidos coa calidade a través do SICTED.

O outro recoñecemento é o que conseguiron As Casas do Cebro e de Afora, que obtiveron o terceiro lugar na categoría de "Mellor actuación de Sostibilidade SICTED". Ambas casas, ubicadas no lugar de Correxíns, na parroquia compostelá de Figueiras, exemplifican o compromiso coa calidade turística e a sostibilidade en Santiago de Compostela.

O xoves, a delegación do Concello aproveitará a súa estadía en Madrid para reunirse no Ministerio de Transportes coa Secretaria Xeral de Transportes e Mobilidade, María José Rallo e a directora da Oficina da Estratexia e a Mobilidade, Ángeles Marín.

Cidades Patrimonio

Como xa vén sendo habitual, Cidades Patrimonio tamén presentará a súa oferta en FITUR. O 20 de xaneiro terá lugar a primeira Asamblea do Grupo presidida polo alcalde de San Cristóbal de L Laguna, Luis Yerau Gutiérrez, seguida pola sinatura dun convenio coa Asociación de Cidades Patrimonio Mundial Mexicanas. Ademais, o GCPH presentará o Plan de Acción 2023 conxunto con Turespaña.

Compartir: