CONSORCIO

O trombonista Peter Moore actúa esta semana por primeira vez coa Real Filharmonía de Galicia

17/01/2023 Con este concerto, dirixido polo mestre Paul Daniel, estrearase en España a obra Starburst da compositora Jessie Montgomery.

A Real Filharmonía de Galicia regresa este xoves á súa sede do Auditorio de Galicia de Santiago cun novo concerto da súa temporada 'Escoitar o Mundo' que leva por título 'Escoitando as Estrelas'. Ese mesmo concerto repetirase o venres no Auditorio de Ferrol.

Nesta ocasión, será o trombonista Peter Moore quen actúe como solista cun programa que dirixirá o mestre Paul Daniel como director convidado.

No concerto, producirase a estrea en España da obra Starburst (Estalido estelar) da compositora norteamericana Jessie Montgomery. Tamén se interpretará Aux étoiles (Ás estrelas) de Henri Duparc, Stargazer (Astrónomo), concerto para trombón e orquestra de Jonathan Dove e rematarase coa Sinfonía núm. 6 op.60, B.112, en Re maior de Antonín Dvorák.

Peter Moore

Coa Real Filharmonía estrearase nesta ocasión como solista o trombonista Peter Moore, definido por Paul Daniel coma un "mozo excepcional", que destacou como solista da London Symphony, entre outras orquestras, e xa actuou en escenarios de Asia, Australia ou América do Sur ademais de Europa.

Moore tamén chamou a atención a nivel nacional no seu país en 2008, á idade de doce anos, cando se converteu no gañador máis novo do premio BBC Young Musician. É o trombón principal da Orquestra Sinfónica de Londres e, ademais da súa carreira como intérprete, é profesor de trombón na Royal Academy of Music.

Entradas á venda

Para os concertos, tanto de Santiago como de Ferrol, as entradas están á venda a través de Compostela Cultura e de Ataquilla, respectivamente, a un prezo de 15 euros.

Compartir: