ALCALDÍA

O alcalde destaca, na presentación do último libro do fotógrafo Carlos Rodríguez, a aposta do autor "polo futuro que se anticipa".

16/01/2023 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, participou esta tarde na presentación do libro "Galicia, paisaxe de futuro", unha publicación de 238 páxinas con 147 imaxes do fotógrafo Carlos Rodríguez, na que segundo o rexedor, "o autor fai unha aposta pola futuro que se anticipa".

Sánchez Bugallo sinalou que estas fotos apórtannos a "posibilidade de converter en eterna unha imaxe dun instante. Vannos permitir que dentro de 50 ou 100 anos, outras persoas, cando as contemplen, poidan comparalas coa realidade que teñen nese momento". Referiuse, en concreto, ás torres de Hejuck, que ilustran a portada, "unha obra arquitectónica extraordinaria", cunha gran calidade, "que permite que se convirta nun elemento referencial do que será, sen lugar a dúbidas, unha imaxe moi potente da Galicia do século XXI".

O alcalde tamén destacou "as imaxes das empresas que dalgunha maneira tratan de dar resposta á principal incógnita e preocupación dos galegos, que é se podemos construir un futuro na nosa terra", Esa é, sinalou, a principal aspiración das xeracións futuras, "construir o seu futuro no noso país". Sánchez Bugallo rematou a súa intervención destacando o "magnífico" traballo de Carlos Rodríguez e de todos os fotógrafos galegos.

O libro, publicado pola Xunta, amosa, a través de case 150 imaxes, a Galicia moderna, as grandes obras de enxeñería e as novidades arquitectónicas integradas na paisaxe,no territorio e na economía dun país que mira cara o futuro. Hoxe tivo lugar a presentación, na que, ademais do alcalde e Carlos Rodríguez, interviron o xornalista, Fernando Ónega e o presidente autonómico, Alfonso Rueda.

Compartir: