XUNTA DE GOBERNO

O Goberno Local estuda reclamar á Administración de Xustiza os gastos de defensa derivados das Dilixencias Previas do procedemento 338/2014 do Xulgado de Instrución nº 1 de Lugo, que agora paga o Concello

16/01/2023 A Xunta de Goberno Local, autorizou hoxe o abono dos gastos de defensa e representación do ex alcalde do PP, Gerardo Conde Roa. É, explicou o alcalde en rolda de prensa, o terceiro acordo que se adopta neste sentido. Por este motivo, sinalou Xosé Sánchez Bugallo, o goberno municipal acordou pedir a Asesoría Xurídica un informe sobre a eventualidade de poder formular, por parte do Concello, unha reclamación diante da Administración de Xustiza.

En concreto, a Xunta de Goberno acordou recoñecer o principio de indemnidade ao ex rexedor, "sobre gastos de representación ocasionados polas Dilixencias Previas procedemento abreviado 338/2014 tramitádoa perante o Xulgado de Instrución nº 1 de Lugo e inhibidas ao Xulgado de Instrución nº 1 de Santiago de Compostela, baixo as Dilixencias Previas 476/2020; e autorizar o abono da defensa e representación de Gerardo Conde Roa", que ascende a 33.327,93 euros, en gastos de avogado; e 796,56 euros en gastos de procurador.

Xosé Sánchez Bugallo explicou que xa se adoptara un relativo ao "abono dos gastos de defensa de dous funcionarios do Concello, e outro relativo aos gastos de defensa de Paula Prado; e hai en trámite dúas solicitudes doutros dous ex-concelleiros, e é posible que teñamos algunha mais". De momento, continuou, "o Concello está abonando eses gastos de defensa, porque se entende que é o que procede legalmente, cando se pode entender que esas accións foron consencuencias de cando ocupaban un cargo público no Concello naqueles anos, e unha vez que se produce unha resolución xudicial definitiva de arquivo e/ou absolución. Neste caso é de arquivo en todos os casos".

O Executivo Municipal entende, segundo sinalou o rexedor, "que estes gastos, en boa medida, son consecuencia dun funcionamento anómalo dun servizo público, neste caso da Administración de Xustiza. Polo tanto queremos ver se procede solicitar, por parte do Concello, un reintegro total ou parcial dos gastos que se están producindo" por este concepto. De momento "superan os cen mil euros, pero previsiblemente, ao final do proceso é moi probable que superen os douscentos mil. É un custe que nos parece pouco xustificado, de non ser polas circunstancias, bastante anómalas que concurriron na instrución destes procedementos, algún deles sen pechar doce anos despois", engadiu.

Outros acordos

Tamén se acordou aceptar o desestimento da solicitude de cesión de terreo público solicitada pola Fundación Andrea de apoio a nenos con enfermidades de longa duración. O alcalde explicou que a fundación, inicialmente "solicitou a cesión dunha parcela", na zona de Volta do Castro, en Conxo, para a construción dun edificio destinado a residencia de familiares de menores ingresados no Hospital Clínico. "Agora prodúcese un desestimento, porque solicita outra parcela, que se considera máis acaída", na zona da nosa Señora da Mercé, tamén en Conxo, coa mesma finalidade.

Entro o resto de acordos adoptados, destaca, tamén a conformidade ao cambio de denominación do CEIP de Vite, que pasaría a denominarse CEIP Plurilingüe de Vite.

Compartir: