ACCIÓN CULTURAL

Preséntase o libro "25 anos de historia" da Asociación Cultural A Rocha Forte

14/01/2023 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asistiu hoxe á presentación do libro "25 anos de historia" da Asociación Cultural Rocha Forte, escrito polo seu presidente, Carlos Delgado Fernández. O rexedor, sinalou, durante a súa intervención, que as actuacións que se está facendo na zona por parte do Concello, esas dúas sendas peonís, unha entre Milladoiro e Santiago e a outra entre o Sar e o Sarela, "porán en valor á xente e facilitarán a conectividade da veciñanza". O rexedor rematou sinalando que "sempre nos teredes ao voso lado, para facer todo o posible pola Rocha e en beneficio da Rocha".

No acto de presesentación, no que actuou o coro de Habaneras "Rocha Forte", tamén enterveu a concelleira de Acción Cultural e Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, quen destacou a "profunda vinculación" da entidade cos avances arqueolóxicos no castelo da Rocha Forte, así como o seu labor na recuperación da "nosa historia" e a aposta "continúa pola cultura".

A publicación, de 125 páxinas, na que colaborou o Concello de Santiago, divídese en varios apartados. Un deles adicado aos avances arqueolóxicos rexistrados nestes 25 anos nas ruinas do castelo da Rocha Forte. Tamén destaca, nas súas páxinas, a reconstrución do edificio da Casa Baltar, que alberga o Centro Sociocultural da Rocha; e a aposta da asociación polo impulso da memoria cultural, co coro de Habaneras, a exposición anual da camelia, que se leva celebrando desde o ano 2010, as semanas culturais ou a entrega das insignias de prata e ouro da entidade.

O libro tamén recompila as actividades organizadas pola asociación: coloquios, obradoiros, edición e presentacións de libros, exposicions, concertos, viaxes e visitas culturais, e celebracións, como a romaría do Castelo da Rocha ou o magosto.

Ademais do alcalde, Mercedes Rosón e Carlos Delgado, no acto tamén interviron o director do Centro Ramón Piñeiro, Armando Requeixo; o ex director da Gran Enciclopedia Galega, Xosé Ramón Fandiño; e Manuel Moure, membro da Xunta directiva da Asociación Cultural Rocha Forte.

Compartir: