MEDIO AMBIENTE

Comeza a funcionar o novidoso sistema de recollida selectiva de lixo no casco histórico con illas "de quita e pon"

12/01/2023 Desde hoxe a recollida de residuos na Améndoa será "máis sostible e respectuosa co entorno do casco histórico" destacou a concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro na xornada na que empezan a operar os novos puntos de recollida de lixo. Serán 10 illas, que se colocarán a partir das 19.00h e ata as 23.00h, co dobre obxectivo de "incorporar a quinta franxa, a do orgánico; e eliminar por fin as bolsas de lixo nas portas, unha vez xa retiramos a compactadora de Travesa de Fonseca".

Os dez puntos escollidos para ubicar estes puntos de compostaxe que, ademais, serán colocados e retirados por vehículos 100% eléctricos son: Praza de San Roque, Rúa de Santo Agostiño, Praza de Cervantes, Praza de Praterías, Travesa de Fonseca, Salvador Parga, Praza de Mazarelos, Praza de San Martiño Pinario, Praza do Toural e na rúa Carretas. "Todos estes son puntos iniciais, froito da colaboración co departamento de Mobilidade do Concello, pero poderíanse modificar en función das necesidades das nosas veciñas e veciños" explicou a concelleira.

Tamén o alcalde parabenizouse do paso adiante en materia de sostibilidade que supón este novo sistema de recollida de lixo "introducindo a recollida selectiva, algo que a veciñanza viña reclamando e, á que agora, lle pedimos a súa colaboración".

Durante as primeiras semanas procurarase a transición de xeito tranquilo, con puntos informativos e cun código QR nos puntos de reciclaxe que remitirán á web santiagosostible.gal.

Recollida "porta a porta" para locais e comunidades que así o soliciten

Ademais deste sistema de recollida de illas de compostaxe de "quita e pon", desde o pasado martes estanse a repartir os cubos das diferentes franxas nos locais de hostalaría e comercios para iniciar, nas próximas semanas, o modelo de recollida "porta a porta".

Así todos os establecementos do casco histórico contarán con unhas horas, acordadas coas asociacións de hostalaría, para deixar os seus contedores á porta dos negocios, que serían recollidos porta a porta. "Será nun horario pactado cos propios empresarios, co fin de entorpecer o menos posible o normal funcionamento do seu negocio" recalcou Castro.

Ademais, tódolos veciños que o desexen, poderán solicitar a recollida porta a porta, facéndose, iso si, responsables de sacar e volver a meter os contedores das diferentes seccións de residuos no seu edificio. Para facelo, poden solicitalo a través da web santiagosostible.gal ou a través do teléfono 981 565 469.

Compartir: