XUNTA DE GOBERNO

Ampliado, ata o 6 de febreiro, o prazo de presentación de ofertas do contrato de servizos enerxéticos e alumeado público exterior

12/01/2023 A Xunta de Goberno local, reunida en sesión extraordinaria, acordou ampliar, ata as 23:59:59 horas do día seis de febreiro de 2023, o prazo de presentación de ofertas do "Contrato mixto de subministración e servizos enerxéticos do alumeado público exterior do Concello de Santiago de Compostela".

Con data de 28 de novembro, a Xunta de Goberno local aprobou o proceso de licitación deste contrato de servizo de alumeado das rúas, prazas, e outros espazos públicos do municipio. O orzamento base de licitación é de 49.984.582,31, IVE engadido, e contémplase por un período de dez anos. O prazo anterior de presentación de ofertas finalizaba o vindeiro 16 de xaneiro. A súa ampliación responde a unha revisión dos pregos, nos que se modificaron distintos apartados, entre eles a revisións de prezos para actualizar o coeficiente de apuntamento por tarifa de acceso.

Os pregos contemplan a substitución duns 30.000 elementos (actualmente hai unhas 28.000 farolas). A previsión é que, unha vez adxudicado, no prazo de oito meses, muden todas as luminarias, que pasarían a ser leds. Actualmente as que son leds non chegan ao 10%. Calcúlase que todos estes cambios diminuirán a factura de consumo, como mínimo, nun 50%.

Compartir: