CENTROS SOCIOCULTURAIS

Arranca a nova programación da Biblioteca José Saramago dirixida a todos os amantes da lectura

10/01/2023 A concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, acompañada por Guadalupe Rodríguez, responsable técnica da Biblioteca José Saramago, presentaron esta mañá o programa de actividades para o primeiro semestre deste ano desta rede de bibliotecas dos Centros Socioculturais.

A concelleira Mercedes Rosón destacou que se trata dunha programación "deseñada en clave cultural e tamén en clave feminista, na que adquiren protagonismo importantes figuras galegas e a conmemoración de días especiais, vencellados ás letras galegas, con saídas, roteiros e presentacións de libros".

Con actividades dirixidas tanto aos pequenos lectores como ás persoas adultas, entre as novidades deste novo ano figura a inclusión dun novo espazo activo de lectura e dinámica literaria no Centro Maruxa e Coralia, da cidade histórica. O recentemente inaugurado CSC, contará cun novo clube de lectura destinado a persoas adultas, que xa conta con 14 inscritos e que celebrará a súa primeira reunión mañá, mércores 11 ás 18:00. Tamén se prevé a posta en marcha nas vindeiras semanas dun club de lectura infantil, un obradoiro de escrita creativa e un espazo aberto para encontros literarios e recitais no xardín exterior.

Neste 2023, a biblioteca do CSC de Vite tamén contará cunhas instalacións renovadas nas que tamén se acaban de catalogar centos de libros para poñer ao dispor dos usuarios.

A concelleira de Centros Socioculturais tamén quixo salientar as actividades do Día das Letras Galegas, que este ano homenaxea a Fernández del Riego, e que incluíran visitas á pinacoteca que leva o seu nome.

Rosalía, Castelao, Aurelio Aguirre, Emilia Pardo Bazán… terán o seu espazo e atención con actividades específicas ao longo deste semestre e tamén se seguirá a traballar activamente nos 13 clubes de lectura existentes. Algúns destes clubs, concretamente os de Fontiñas, Santa Marta, Ensanche e Aurelio Aguirre, participan nas votacións dos libros candidatos ao Premio de Novela Europea Casino de Santiago, e neste momento están pendentes da recepción das urnas para depositar o seu voto.

Ademais, este ano desenvolverase a terceira edición do programa "12 meses, 12 libros", unha campaña de animación á lectura a modo de reto a través de recomendacións que cada mes reciben os usuarios e usuarias e que despois poden selar nun pasaporte nas bibliotecas.

A biblioteca José Saramago confórmana as aulas de lectura dos Centros Socioculturais de Fontiñas, Santa Marta, Vite, Conxo e Castiñeiriño.

Compartir: