SEGURIDADE CIDADÁ

O Concello acorda coa Delegación do Goberno un reforzo policial na zona do Ensanche con dispositivos especiais nos que participarán a Policía Nacional, Local e autonómica

09/01/2023 Ademais incrementaranse os contactos con empresarios dos locais de ocio nocturno e coas asociacións de veciños, mandando unha mensaxe de "tranquilidade e de confianza no traballo policial" que xa se estaba a facer na zona con dispositivos especiais da Policía Nacional e Local durante as fines de semana. O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo recalcou que "foi precisamente este despregue policial o que permitiu unha reacción inmediata e a rápida detención dos presuntos autores, que en ámbolos dous casos foi en minutos" pero insiste en que "agora, en coordinación coa Delegación do Goberno debemos reforzar o traballo de prevención".

Na reunión participaron, ademais do alcalde, a subdelegada do Goberno en Galicia, María Rivas; o concelleiro de Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, o comisario provincial de A Coruña da Policía Nacional, o comisario da Unidade do CNP adscrito á Comunidade Autónoma, o comisario da Policía Nacional de Santiago e o intendente da Policía Local de Santiago.

Nela acordouse un reforzo dos dispositivos especiais de seguridade cidadá que xa estaban en marcha durante os fines de semana en Santiago, coa incorporación de efectivos da policía adscrita, algo que se traducirá en máis controis nas rúas. A subdelegada do Goberno, María Rivas, quixo recalcar que se trata de "feitos illados a pesar de que concorra nun período moi próximo de tempo", mais amosou o compromiso da Delegación de incrementar a presenza policial na zona e "reforzar o contacto cos empresarios do ocio nocturno" aos que lle pide un maior control dos accesos a menores.

O alcalde quixo tamén agradecer a colaboración cidadá para a investigación dos últimos sucesos que tiveron lugar na cidade, pois "a detención dos dous presuntos agresores foi inmediata, en apenas 18 minutos" e insiste na necesidade de incrementar os "dispositivos especiais intensificando, máis aínda, a actuación preventiva". Sánchez Bugallo, quixo recalcar ademais que se trata de dous sucesos "atípicos, extraordinarios e non relacionados entre si".

Compartir: