ALCALDÍA

O Concello recorda con sendas ofrendas florais as figuras de Valle-Inclán e Isaac Díaz Pardo

05/01/2023 O cemiterio de Boisaca acolleu hoxe as ofrendas florais ao escritor e dramaturgo Ramón María del Valle Inclán e ao polifacético galeguista Isaac Díaz Pardo. Os dous faleceron un 5 de xaneiro; O primeiro, do ano 1936 e o segundo, de 2012. Ao acto asistiu o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; os voceiros dos grupos municipais José Antonio Constenla, do PP; María Rozas, de CA; e Goretti Sanmartín, do BNG; entre outras autoridades, familiares e amizades.

Primeiro tivo lugar a ofrenda floral a Isaac Díaz Pardo. Desde o Concello de Santiago quixérono homenaxear cunha coroa, igual á depositada, a continuación, sobre a tumba de Valle-Inclán.

O alcalde salientou que "esta homenaxe a Valle-Inclán responde a un acordo plenario do Concello de Santiago de 1985", a proposta do entón concelleiro Luis Pasín. "Estamos aquí", engadiu, "para non esquecernos nunca dun dos nosos escritores e creadores máis universais". Foi o propio dramaturgo, nacido en Vilanova de Arousa, quen quixo que o soterraran en Compostela, nun lugar onde tamén repousan, compartindo o espazo que hai fronte á entrada, Díaz Pardo, Antón Fraguas, Aurelio Aguirre, ou Carvalho Calero.

Na homenaxe ao dramaturgo, ademais de Concello e Xunta de Galicia, tamén estaba presente un dos seus netos e distintas representacións dos concellos de Vilanova de Arousa, da Pobra do Caramiñal, do Museo de Valle-Inclán e da Asociación Amigos de Valle-Inclán.

Compartir: