FESTAS

Os Reis Magos volveron ás rúas de Compostela para saudar a milleiros de nenos e nenas

05/01/2023 Despois de dous anos de pandemia nos que as Súas Maxestades só puideron recibir as cartas dos nenos e nenas de Compostela en estático e detrás dun biombo por mor das medidas anticovid, neste 2023 Melchor, Gaspar e Baltaser volveron facer o percorrido habitual polas rúas da cidade para delicia dos máis cativos.

"Cóntame unha cabalgata" foi o lema escollido para a visita deste ano das Súas Maxestades. Os contos clásicos e os personaxes que figuran na imaxinación da cativada percorreron as rúas de Compostela: dende Conxo ata o Obradoiro adozaron esta tarde chea de ilusión e moita maxia para toda a cativada

Unha comitiva de cinco carrozas compuxo o desfile das súas maxestades ambientadas nos contos populares de O Bosque Encantado, Cincenta, A Bela Durminte, Aladín e o Soldadiño de Chumbo.

Completaban a comitiva sobre rodas o autobús da CRTVG acompañado dos Bolechas e o Xabarín, a furgoneta de Pecados de Compostela así como o habitual Tren Turístico compostelán.

Tamén acompañaron os Reis Magos bonecos xigantes de Culturactiva, animación con zancos e música de Troula Animación e a presenza dun conxunto de personaxes clásicos a cargo de Barafunda. Abriu o desfile a Banda de Santiago acompañada, entre outros, dos personaxes de Can Cun Quinqué e da comparsa Armatroulas de Laraño.

Máis de 100 cativas e cativos participaron acompañando os Reis Magos como paxes nos combos temáticos e nos trens turísticos. Como vén sendo habitual, os heraldos do Centro Don Bosco dirixiron as comitivas de cada carroza polas rúas de Compostela e axudaron as Súas Maxestades en todo o necesario. Participaron un total de 38 heraldos e 14 nenas e nenos como paxes, ademais dun nutrido grupo de voluntarios e voluntarias anotadas para os combos temáticos e para o tren.

Percorrido
Os Reis Magos chegaron ás 16:30 á praza da Mercé de Conxo onde ás 17:00 arrancou o percorrido que levou a Cabalgata pola avenida do Ferrol, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, rúa do Hórreo, praza de Galicia, rúa da Senra, e a partir de alí fará a súa entrada na Cidade Histórica para rematar na Praza do Obradoiro arredor das 18:30 h, onde foron recibidos polo alcalde e os membros da Corporación. A continuación, as Súas Maxestades achegáronse ata os salóns do Pazo de Raxoi para poder atender todas as peticións dos nenos e nenas de Santiago.

Compartir: