TURISMO

A Igrexa de San Fiz acolle un concerto de corais veciñais

02/01/2023 A Igrexa de San Fiz de Solovio acolle este Nadal, por primeira vez, un concerto moi especial, interpretado polas corais veciñais "Amigos do Castiñeiriño", "José Saramago de Vite" e "Santa Susana". O concerto, de balde e que terá lugar estes mércores 4 de xaneiro ás 18.00 horas, é froito da colaboración entre Turismo de Santiago de Compostela e Rede Municipal de Centros Socioculturais.

Un dos obxectivos desta colaboración é dar visibilidade á veciñanza de Compostela nun espazo monumental esencial no Nadal de Santiago como é a igrexa de San Fiz, aproveitando a exhibición do belén tradicional que alí se instala cada ano por estas datas.

O belén que se pode visitar na igrexa de San Fiz de Solovio, cedido e minuciosamente montado polo belenista José Uzal, conta con máis de 500 figuras artesanais e inclúe diferentes escenas, pezas en movemento e tamén iluminación e son, que o fan atractivo para todos os públicos.

Ademais, San Fiz acolle este ano por primeira vez unha instalación moi especial, froito precisamente da colaboración entre a concellería de Centros Socioculturais e Turismo de Santiago: "CSC no Nadal", unha maqueta artística e participativa decorada pola veciñanza dos 45 centros socioculturais de todo o termo municipal.

A exhibición tanto do belén tradicional como da instalación veciñal permite ademais visitar a igrexa de San Fiz, fundamental na historia fundacional de Santiago, que conta no seu tímpano cunha fermosa representación gótica da Epifanía ou Adoración dos Magos.

San Fiz de Solovio, que conta ademais con iluminación interior e exterior con motivo do Nadal, permanecerá aberto ata o 5 de xaneiro, grazas a Turismo de Santiago, coa colaboración do Arcebispado de Santiago, do Mercado de Abastos e da Rede de Centros Socioculturais do Concello de Santiago.

Direccións relacionadas



Compartir: