ALCALDÍA

O alcalde felicita o novo ano celebrando que o 2022 foi récord no sector turístico e se conseguiu reactivar a economía de Santiago

31/12/2022 Xosé Sánchez Bugallo fixo balance do 2022 na súa felicitación do ano novo. Un ano que, no turístico, "bateu tódolos récords" con un gran tráfico de viaxeiros no ámbito ferroviario e aeroportuario. De feito, superáronse os tres millóns de viaxeiros no aeroporto Rosalía de Castro, sendo o aeroporto galego que mellor se recuperou trala crise, superando nun 15% as previsións de Aena para o 2027 neste mesmo ano.

O alcalde felicitouse ademais do bo comportamento do mercado laboral neste 2022 cuns datos de emprego "que son os mellores desde o 2004", consecuencia da reactivación do sector comercial e hostaleiro da cidade.

"Rematamos este ano encontrándonos cos nosos familiares e amigos logo de dous anos nos que botamos en falta esa unión" afirmou o alcalde, que asegurou que "empeza outro ano, cheo de dúbidas e incertezas, pero que seguro superaremos como xa o fixemos antes".

Sánchez Bugallo rematou a súa felicitación desexando á veciñanza "a maior das felicidades, éxito en todo o que emprendades e que todas e todas sigamos xuntos".

Compartir: