URBANISMO

O Plan Especial de Conxo recolle a recuperación dos volumes do mosteiro e do psiquiátrico

31/12/2022 O Goberno municipal vai enviar á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental a solicitude de inicio do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada do "Plan especial de protección e rehabilitación da igrexa, hospital psiquiátrico e mosteiro de Conxo cos seus xardíns e hortas, zonas de acceso e núcleos da contorna (PE-1R)" formulado polo Consorcio de Santiago, segundo o acordado esta semana en Xunta de Goberno. Este plan, que contempla, entre outras actuacións a recuperación dos volumes do mosteiro de Conxo e e do Hospital psiquiátrico, remitiráselle xunto ao Documento Ambiental Estratéxico (DAE).

O documento de ordenación do Plan Especial PE-1R do Mosteiro de Conxo e os núcleos do Campo de Conxo e Conxo de Abaixo incorpora unha profunda labor de investigación histórica que serve de base para propor alternativas de ordenación para o ámbito do recinto actual do antigo mosteiro, e para os núcleos. Das tres alternativas propostas nun principio, seleccionouse a número un, que potencia os usos e actividades no lugar, reorganizando os espazos destinados a cada uso para permitir unha compatibilidade coa apertura á cidadanía de novas partes do conxunto infrautilizadas na actualidade, para beneficio da poboación e das persoas usuarias dos centros sanitarios.

Segundo o documento, esta alternativa posibilita a dotación docente, sanitaria e asistencial, rehabilitando e ampliando os edificios preexistentes, e os espazos exteriores de interese (cemiterio do psiquiátrico, muíños, lavadoiro, fonte, pontellas, pavillóns, etc.), especialmente os xardíns e espazos arborados como os paseos e as ribeiras. Así, a proposta contempla a recuperación de volumes dos dous edificios principais, o mosteiro de Conxo, que pasaría de 8.280 metros cadrados, a 11.231 metros cadrados trala intervención; e do hospital psiquíatrico, que pasaría de 11.410 metros cadrados de superficie construida, a 15.460 metros cadrados trala intervención.

O documento contempla, ademais, o desprazamento dos invernadoiros, detrás do antigo cemiterio, que se trasladarían cara o sur, aglutinando os espazos libres e de actividades dos internos. Por outra banda, na zona que se libera ao retirar os invernadoiros crearíanse novas zonas verdes en conexión co río Sar, abertas á cidadanía e ao bosque de Conxo, e de forma provisional, ao campo de fútbol. Cos cambios, xeraranse novas zonas de posible expansión do río Sar, compatibles con outros usos e actividades ao longo do ano.

A maiores, protexeranse as especies vexetais de ribeira mentres que se propón a retirada e control das especies invasoras existentes, e a protección específica de especies de gran interese botánico Tamén se integrará o cemiterio histórico como elemento patrimonial, así como o lavadoiro e o muíño. O proxecto tamén contempla a recuperación dos xardíns proxectados entre os dous edificios principais, o monasterio de Conxo e o Hospital psiquiátrico, asi como o deseño de estratexias de mobilidade compatibles coa accesibilidade e servizo das instalacións, e o respecto os valores naturais e patrimoniais do lugar.

Compartir: