URBANISMO

O Concello de Santiago avanza na tramitación do proxecto da plataforma loxística de mercadorías

28/12/2022 O Concello de Santiago de Compostela avanza na tramitación da plataforma loxística de mercadorías, proxectada a carón do Polígono do Tambre. Esta semana aprobouse inicialmente, en Xunta de Goberno, o Plan especial de infraestruturas e dotacións (PEID); e o proxecto de expropiación por taxación conxunta para a execución da primeira fase do citado plan. Tamén se deu luz verde ao convenio con MERCA S.A. para a definición do anteproxecto, redacción do proxecto, execución de obra e dotación deste centro de acopio e distribución de mercadorías.

Esta plataforma loxística enmárcase na estratexia deseñada polo Concello de Santiago, articulada en distintas fases, para establecer un novo modelo de distribución de mercadorías, nun primeiro momento aplicable ao ámbito da zona vella, pero susceptible de ser estendido posteriormente a outras zonas da cidade.

Segundo consta na documentación do "Plan especial de infraestruturas e dotacións (PEID), elaborada pola área de Urbanismo que dirixe Mercedes Rosón, a plataforma loxística de intercambio de mercadorías estaría localizada nunha parcela do ámbito SU-3, emprazado no Solo Urbanizable non Delimitado SUND-30. Atópase nun amplo espazo libre, adxacente, na súa parte sur, con MercaGalicia.

A parcela conta cunha superficie total de 78.006,60 metros cadrados. A capacidade edificatoria máxima vén dada pola aplicación dos seguintes parámetros:

- Ocupación máxima 20% da superficie da parcela

- Área de Movemento da Edificación, AME: 28.101 metros cadrados (os dous recadros raiados en vermello no plano 1, dentro do ELP, sinalado en amarelo).
Altura máxima da edificación: Baixo +1: 12 metros

- Recuado mínimo a lindeiros: 5 metros

- Espazo Libre de Parcela, ELP: 22.856 metros cadrados (corersponden, no plano 1, ao cadro amarelo)

- Terreos en estado natural ou área de amortecemento, TN AA: con case 22.000 metros cadrados (no plano 1, representada en cor verde).

- Viaro e acceso, VI. Produciríase a través da rúa de Juan de la Cierva, que se acondicionará debidamente desde os aparcamentos exteriores de MercaGalicia.

Ademais, as condicións de implantación establecidas no PEID, garanten a existencia de espazos reservados á circulación, manobra e estacionamento dos distintos tipos de vehículos que accedan á parcela.

Está previsto que o proxecto se desenvolva en dúas fases. Da primeira fase (en verde no plano 2), que contempla unha actuación sobre 41.876 metros cadrados, aprobouse, inicialmente, tamén esta semana, o proxecto de expropiacion por taxación conxunta, valorada en 167.763,71 euros. Nunha segunda fase (en cor marrón no plano 2) actuaría sobre os 36.129,8 metros cadrados restantes.

Convenio
Tamén se aprobou esta semana, en Xunta de Goberno, o convenio con MERCA S.A. para a redacción do proxecto, execución de obra e dotación do centro loxístico de acopio e distribución de mercadorías para o casco histórico de Santiago de Compostela, que contempla un investimento de 4.598.000 euros, divididos en dúas anualidades: 1.064.074 euros en 2023; e 3.533.926 euros en 2024.

Mediante este documento, o Concello de Santiago asume, entre outros compromisos, a aportación da parcela, a aprobación do proxecto para a construción desta plataforma loxística, e a aportación da cantidade necesaria para sufragar os custos do proxecto, que se financiará con fondos Next Generation que proceden dunha subvención do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que obtivo o Concello.

PEID
O Concello de Santiago ten definida unha Estratexia de loxística urbana sostible no casco histórico de Santiago de Compostela, que prevé acometer distintas actuacións para mellorar, entre outros aspectos relacionados coa mobilidade, o modelo de distribución de mercadorías
no ámbito da cidade histórica.

A estratexia, está articulada en distintas fases, para establecer un novo modelo de distribución de mercadorías, nun primeiro momento aplicable ao ámbito da zona vella, pero susceptible de ser estendido posteriormente a outras zonas da cidade. Proxectos de compra pública innovadora, como Smartiago, financiado con Fondos Feder, de implantación dun sistema baseado en intelixencia artificial para o control e o seguimento dos vehículos que acceden ao casco histórico, proporcionará datos valiosos para a futura xestión e racionalización do reparto de mercancías.

O modelo de xestión que se pretende implantar require tamén a consolidación dun centro loxístico de distribución urbana, situado fóra da cidade, pero ben conectado, obxecto do presente PEID. Neste modelo, os camións de reparto que antes accedían aos distintos negocios da zona vella depositarían a súa mercadoría nesta plataforma loxística. Alí xestionaríanse os horarios e traxectos óptimos para redistribuíla, practicamente á demanda, aos distintos negocios da cidade histórica, en vehículos de cero emisións, máis lixeiros.

A actuación obxecto do presente PEID contribúe ao desenvolvemento do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da economía, e tamén están aliñados coa Estratexia de mobilidade segura sostible e conectada 2030 de ámbito estatal.

Compartir: