FESTAS

Regresa a maxia a Compostela coa chegada á cidade das SSMM os Reis Magos de Oriente

28/12/2022 "Cóntame unha cabalgata" é o lema escollido para a visita deste ano das Súas Maxestades. Os contos clásicos e os personaxes que figuran na imaxinación da cativada percorrerán as rúas de Compostela. Dende Conxo ata o Obradoiro adozarán esta tarde chea de ilusión e moita maxia para toda a cativada compostelá tras dous anos sen a Cabalgata por mor da pandemia.

Os detalles da celebración foron presentados esta mañá polo concelleiro de Festas, Sindo Guinarte, acompañado pola coordinadora artística da Cabalgata, Cecilia Carballido, e o técnico de programación e xestión cultural do Concello de Santiago, Xesús Amado. O concelleiro Sindo Guinarte aproveitou a ocasión para ler unha mensaxe remitida polos Reis ao Concello na que animan os cativos a escribir as súas cartas e acudir o vindeiro 5 de xaneiro ao Pazo de Raxoi para entregarllas persoalmente.

Este ano, unha comitiva de cinco carrozas comporán o desfile das súas maxestades ambientadas nos contos populares de O Bosque Encantado, Cincenta, A Bela Durminte, Aladín e o Soldadiño de Chumbo.

Completan a comitiva sobre rodas o autobús da CRTVG acompañado dos Bolechas e o Xabarín, a furgoneta de Pecados de Compostela así como o habitual Tren Turístico compostelán que levará a cativos e maiores ao longo do percorrido.

Tamén acompañarán os Reis Magos bonecos xigantes de Culturactiva, animación con zancos e música de Troula Animación e a presenza dun conxunto de personaxes clásicos a cargo de Barafunda, que tamén se encargarán da decoración para a ocasión dos trens turísticos.

Abrirá o desfile a Banda de Santiago acompañada, entre outros, das personaxes de Can Cun Quinqué e da comparsa Armatroulas de Laraño.

Máis de 100 cativas e cativos participarán acompañando os Reis Magos como paxes nos combos temáticos e nos trens turísticos. Como vén sendo habitual, os heraldos do Centro Don Bosco dirixirán as comitivas de cada carroza polas rúas de Compostela e axudarán as Súas Maxestades en todo o necesario. Participarán un total de 38 heraldos e 14 nenas e nenos como paxes, ademais dun nutrido grupo de voluntarios e voluntarias anotadas para os combos temáticos e para o tren, que aínda conta con algunha praza libre que será completada por orde de chegada o mesmo día da Cabalgata.

Percorrido

Os Reis Magos chegarán ás 16:30 á praza da Mercé de Conxo onde ás 17:00 arrancará o percorrido que levará a Cabalgata pola avenida do Ferrol, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, rúa do Hórreo, praza de Galicia, rúa da Senra, e a partir de alí fará a súa entrada na Cidade Histórica para rematar na Praza do Obradoiro arredor das 18:30 h, onde as SSMM saudarán as familias alí concentradas. A continuación, achegaranse ata os salóns do Pazo de Raxoi para poder atender todas as peticións que lle queiran trasladar os nenos e nenas de Santiago.

Sindo Guinarte animou a grandes e pequenos a achegarse a recibir a comitiva real na nosa cidade o vindeiro día 5 de xaneiro e tamén pediu que non se empreguen sprays para evitar complicacións na visibilidade para os condutores das carrozas.

Compartir: