PERSOAL

O Concello convoca 92 prazas dentro do proceso de estabilización do emprego

27/12/2022 O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as bases dos procesos selectivos convocado para a cobertura de 92 prazas dentro do proceso extraordinario de estabilización, das que 73 se farán polo sistema de concurso de méritos e 19, polo de concurso-oposición. Este proceso permitirá reducir a temporalidade no emprego público por debaixo do 8%.

Unha vez asinada no día de onte a resolución por parte da concelleira delegada de Economía e Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración, Marta Abal, o BOP publica hoxe as bases dos procesos selectivos para a cobertura de 92 prazas, ao abeiro da Lei 20/2021, de 28 de dicembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público.

A concelleira de Persoal salientou a importancia do proceso xa que se acadará "o obxectivo principal do goberno de redución da temporalidade do emprego no Concello de Santiago de Compostela, co conseguinte beneficio tanto para os traballadores e traballadoras como para a calidade dos servizos públicos que se prestan á cidadanía".

Do total das prazas convocadas, 73 sairán polo sistema do concurso, segundo o previsto nas disposicións adicionais 6ª e 8ª da Lei 20/2021. Delas, 49 correspóndense con postos de persoal funcionario e 24, de persoal laboral. As restantes 19, 14 de persoal funcionario e 5 de persoal laboral, substanciaranse a través dun concurso-oposición, de acordo co artigo 2º da Lei 20/2021. As solicitudes poderán presentarse dende o día seguinte á publicación dos correspondentes anuncios no Boletín Oficial do Estado.

Acordo con todos os sindicatos

Neste proceso de estabilización incluíronse as prazas de funcións estruturais cubertas con persoal funcionario interino ou laboral temporal con data anterior a 1 de xaneiro de 2021 logo das negociacións entre o goberno municipal e todas as organización sindicais con representación na Mesa Xeral que se terminou selando o pasado 23 de maio.

Compartir: