FESTAS

O alcalde visita Multixogos Nadal, con motivo da súa apertura

26/12/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, visitou esta tarde, no Multiusos Fontes do Sar, Multixogo Nadal, que permanecerá aberto desde hoxe ata o próximo 2 de xaneiro. O rexedor destacou a gran afluencia de familias, neste primeiro día. Media hora despois de comezar as actividades, xa entraran sobre 500 persoas.

Multixogos Nadal conta cunha trintena de actividades dirixidas a un público familiar, que se van desenvolver desde as 17:00 ás 20:30 horas (agás o 31 decembro, entre as 10:30 h e a 14:00 h). Esta pensado como un gran parque de atraccións de 3.500 m2. Conta coa tirolina interior máis longa de Galicia, con 80 metros de percorrido que atravesa dende as alturas toda a pista central do recinto en diagonal. Outras atraccións destacadas son os circuitos de inchables, rocódromos, piscina de bolas xigante, circuito de karts a pedais, simuladores, videoconsolas, xogos interactivos, xogos populares, actividades deportivas e obradoiros de Nadal.

Ademais de todas estas actividades, dispoñibles os 8 días de apertura, haberá unha programación diaria na que se sumarán actuacións, exhibicións e obradoiros especiais: concertos didácticos de cancións de Nadal, sesións de maxia, contacontos, sesión de dj infantil con campanadas, sesións de zumba, chocolatada de benvida 2023, obradoiro de robótica e exposición de modelos de Lego xogables, repostería de Nadal, actividades en inglés…

O prezo da entrada por persoa será de seis euros. A entrada anticipada poderá adquirirse en Ataquilla ou no despacho de billetes do Multiúsos os días do evento.

Durante o percorrido, o alcalde estivo acompañado dos concelleiros de Festas, Sindo Guinarte; de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños; e dos portavoces do Grupo Popular, José Antonio Constenla; de Compostela Aberta, María Rozas; e do BNG, Goretti Sanmartín. Tamén estaba presente o edil de CA, Xan Duro; e o edil non adscrito a grupo algún, Javier Fernández.

Direccións relacionadas



Compartir: