ALCALDÍA

As persoas usuarias do Cottolengo visitaron o alumeado de Nadal de Santiago grazas aos taxistas da cidade

27/12/2022 O Concello de Santiago e a Asociación Compostelana de Autotaxi uniron esforzos para agasallar aos usuarios e usuarias do centro do Cottolengo cun percorrido en taxi co que puideron desfrutar in situ das luces e decoracións de Nadal que adornan a cidade durante estas datas. As Irmás do Cottolengo do Pai Alegre de Santiago levan desde o 1951 acollendo e atendendo a persoas enfermas, discapacitadas e de poucos recursos que non poden ser atendidos por outras institucións.

A iniciativa partiu das Irmás de Cottolengo, e foi acollida moi positivamente polo Goberno Municipal e polo colectivo de taxistas de Santiago. Catorce taxis recolleron esta tarde a uns 30 usuarios e usuarias do Cottolengo do Pai Alegre. Nesta primeira saída despois da pandemia fixeron un percorrido polas vivendas decoradas polos veciños do barrio do Castiñeiriño, onde se atopa tamén o centro. Tamén fixeron parada no barrio de Conxo para visita o Belén Familiar de máis de 1.000 pezas que Paco Otero monta para o desfrute da cidadanía compostelá desde hai 40 anos.

A continuación, puideron admirar o alumeado das rúas do centro histórico nun itinerario pola rúa da Virxe da Cerca, praza de Cervantes, Costa de Xelmírez ata a praza do Obradoiro, onde o grupo foi recibido polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e polo concelleiro de Mobilidade, Gonzalo Muíños. Alí puideron admirar o carrusel, e as luces que adornan a praza, incluido a árbore de Nadal.

O alcalde agradeceulle a Jesús García, presidente da Asociación Compostelana de Autotaxi, a súa colaboracióne a acollida tan positiva que tivo entre o colectivo do taxi. É a primeira vez que se leva a cabo en Santiago unha iniciativa solidaria deste tipo, pero García adiantou que para eles é unha satisfacción e que pensan repetir nun futuro. Antes de voltar ao Cottolengo do Pai Alegre, os taxistas realizaron un último percorrido para que puideran desfrutar da iluminación das principais rúas do Ensanche, incluida Hórreo e Praza Galicia.

Compartir: