ALCALDÍA

Sánchez Bugallo reivindica o "orgullo de formar parte da construción de Santiago" ante a representación do tecido asociativo, social e económico de Compostela

23/12/2022 O alcalde de Santiago de Compostela, Sánchez Bugallo, quixo recoñecer o esforzo dos axentes sociais e económicos durante os tres últimos anos, resistindo nos seus respectivos ámbitos a varias crises nas que o Concello soubo estar á altura: "os composteláns debemos sentirnos orgullosos porque xuntos fomos quen de estar ao carón dos máis necesitados, de manter os proxectos troncais da cidade, e apoiar a máis de 1.200 empresas con medidas como os Bonos Corazón". Neste sentido, destacou que o esforzo pagou a pena analizando os últimos datos de ocupación, tendo a capital de Galicia as mellores cifras "desde hai 18 anos".

Foi na multitudinaria recepción cidadá celebrada este xoves no Pazo de Raxoi á que asistiron diferentes autoridades, representantes das asociacións veciñais e comerciais, do tecido empresarial compostelán, asociacións que traballan a prol da cidade ou entidades culturais, e na que participaron tamén os membros da corporación municipal.

Sánchez Bugallo destacou o "profundo cambio" que está vivindo actualmente a sociedade, "pero tamén afecta ás administracións". Neste sentido, o alcalde quixo destacar a importancia de marcar un horizonte claro ao que dirixirse "algo que abordamos xa coa Axenda Urbana 2030, consensuada con todos os axentes sociais": "avanzamos cara unha cidade que debe ser máis sostible e amable".

Nese sentido, avanzou que o próximo luns a Xunta de Goberno dará os primeiros pasos coa aprobación da zona de baixas emisións, que implicará "seguir evolucionando cun cambio no reparto de mercadorías e na circulación".

O alcalde quixo rematar a benvida ós máis de 300 convidados cos seus mellores desexos para quen axuda a construír Santiago: "deséxovos unhas moi felices festas e un marabilloso 2023, porque nolo merecemos".

Compartir: