TURISMO

A Cidade Histórica engalánase con postais de luz de artistas de Galicia para o Nadal

23/12/2022 Turismo de Santiago propón 18 artísticos photocalls para felicitar o Nadal en lugares emblemáticos da cidade como a praza da Quintana, San Domingos de Bonaval ou San Fiz de Solovio.

A Casa da Conga é o escenario onde se están proxectando unha serie de ilustracións de diferentes artistas de Galicia, concebidas como Postais de Luz de Nadal para proxectarse precisamente na praza da Quintana mediante a técnica do video mapping. Esta acción intégrase no conxunto de iniciativas que está desenvolvendo Turismo de Santiago para poñer en valor o talento galego na cidade nestas datas.

Dende o 12 de decembro ata o 8 de xaneiro, dende as 18.00 ata ás 01.00 horas, proxectaranse Postais de Luz divididas en tres períodos, que permiten ver a creatividade existente en Galicia no campo da ilustración e o deseño gráfico, con creacións de 16 artistas. En conxunto, dende que Turismo de Santiago comezou con esta iniciativa no Nadal do ano 2020 xa foron 28 os artistas da Comunidade que participaron na iniciativa.

Do 12 ao 22 de decembro poden verse ilustracións de Laura Tova, Nuvi&Éxfico, Andrea Fernández e Carlos Arrojo. Do 23 ao 29 decembro é o turnos das ilustracións de Nuria Díaz, Bea Lema, Sr. Reny, David Pintor,Raquel Germade e Maru Astray. E finalmente, do 30 de decembro ao 8 de xaneiro proxectaranse ilustracións de Hei Castro, Iván R., Alejandro Viñuela"Jano", Chachachá Studio, Julia Abalde e Roque Romero.

Xunto con esta actuación, Turismo de Santiago tamén promove "Luces e Voces da Alameda Compostelá", un singular percorrido polo parque da Alameda, destacando con iluminación artística as personaxes senlleiras e outros fitos da historia de Santiago e Galicia presentes neste xardín histórico.

Os 15 puntos da ruta son obxecto de intervencións de luz que son deseño orixinal de Paco de Pin e que fan de cada un deles un inigualable photocall. Este itinerario, que estará iluminado ata o 8 de xaneiro a partires das 18.00 horas, conta ademais cun folleto-plano dispoñible na oficina central de Turismo de Santiago e tamén na web www.santiagoturismo.gal/nadal, onde se pode consultar toda a información sobre o Nadal en Santiago.

As fachadas de San Domingos de Bonaval e sobre todo a de San Fiz de Solovio completan as actuacións de iluminación de Turismo de Santiago nesta época, nunha clara aposta por intervecións de escenografía urbana de notable calidade estética.

Direccións relacionadas



Compartir: