ACCIÓN CULTURAL

"30 anos facendo camiño" fai un percorrido polos avances acadados polo CIM Santiago na loita contra a violencia de xénero

22/12/2022 A concelleira de Igualdade, Mercedes Rosón, acompañada por Cruz Dafonte, consultora social e autora da obra, e Teresa Furelos, responsable do servizo de Igualdade, presentou esta mañá "30 anos facendo camiño", unha reportaxe audiovisual que fai un percorrido polo traballo realizado polo Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Santiago, desde a súa creación en 1991, para combater a violencia de xénero e axudar ás súas vítimas Esta peza será proxectada o vindeiro luns 26 de decembro ás 20:00 horas no Teatro Principal.

"30 anos facendo camiño" pretende achegar unha ollada interdisplinar da violencia de xénero a través do relato de profesionais de diferentes recursos locais cos que habitualmente se coordina o CIM e a súa evolución ao longo dos seus trinta anos de vida.

Así, esta reportaxe analiza como cambiaron ao longo do tempo as intervencións en violencia de xénero, respondendo a cuestións como se a sociedade está hoxe máis sensibilizada, se aumentaron as denuncias, se se están identificando novas formas de violencia contra as mulleres e cales son os retos para combater as violencias machistas.

A concelleira Mercedes Rosón, recordou que o Concello de Santiago "foi pioneiro na posta en marcha de políticas de Igualdade" e que desde entón "vimos traballando de xeito ininterrompido, desde distintos ámbitos: en prol da equidade, da visibilidade da muller en todos os sectores; en accións e plans contra a violencia machista, creando espazos para o empoderamento das mulleres". "Mais, aínda así, cómpre seguir traballando nesta liña, adaptando os programas e as accións ás novas necesidades que van xurdindo", engadiu.

A edila de Igualdade tamén convidou a toda a cidadanía á proxección pública deste documental que terá lugar o vindeiro luns 26 de decembro ás 20:00 horas no Teatro Principal.

CIM Santiago

O CIM é un servizo de información ás mulleres, dependente da Concellaría da Igualdade do Concello de Santiago, que ten como obxectivo dar atención integral ás vítimas de violencia de xénero e procurar a igualdade real entre mulleres e homes.

Este servizo ten diferentes competencias: asesoramento e a información sobre os dereitos das mulleres, informar acerca de cuestións xurídicas, a promoción da participación social, a atención psicolóxica ou a atención en situacións de violencia de xénero ou de vulnerabilidade.

Ademais, nos últimos anos puxéronse en marcha múltiples inciativas de sensibilización neste ámbito con programas como Artellando Feminismo, CompIgual, Melibea, campañas informativas como Compostela en Negro...No ano 2017 tamén se inaugurou a Casa Xohana Torres que se atopa como o CIM, baixo o paraugas do proxecto Territorio das Mulleres.

Compartir: