XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba o convenio entre o Concello e a Deputación para executar as obras do primeiro tramo da Vía Verde

21/12/2022 A través deste convenio, a Deputación da Coruña levará a cabo as actuacións de contratación, execución e dirección das obras descritas no proxecto, que contan cun orzamento total de preto de 800.000 euros; 500.000 euros achegados polo ente provincial, e 300.000, polo Concello.

A Xunta de Goberno Local do Concello de Santiago de Compostela, na súa sesión ordinaria celebrada o 21 de novembro de 2022, aprobou o proxecto de obra de "acondicionamento do trazado de ferrocarril en desuso Santiago de Compostela-Cerceda para uso como Vía Verde de Compostela-Tambre-Lengüelle / Tramo 1", que conta cun orzamento de execución material de 796.766,58 euros, IVE incluido. O executivo local dá agora un paso máis coa aprobación do convenio de colaboración para a encomenda de xestión entre o Concello de Santiago de Compostela e a Deputación da Coruña para a execución das devanditas obras.

En virtude deste convenio, a Deputación encargarse das actuacións de contratación, execución e dirección das obras descritas no proxecto e a formalización dos actos de recepción. O importe total do proxecto será cuberto coas seguintes achegas máximas: Deputación da Coruña: 500.000,00 € (62,50 %); Concello de Santiago de Compostela: 300.000,00 € (27,50 %).

Proxecto de acondicionamento da Vía Verde

O proxecto da Vía Verde ten por obxecto o acondicionamento deste trazado ferroviario da liña Santiago - A Coruña entre as inmediacións da antiga estación da Sionlla de Abaixo e o límite do termo municipal co concello de Oroso, nas inmediacións do núcleo de Sigüeiro e nas próximidades de Bálsoma, que quedou en desuso coa entrada en servizo do novo eixo atlántico de alta velocidade. Está previsto acondicionalo para camiñantes e ciclistas así como para persoas que presenten algún tipo de discapacidade.

Actuarase sobre 2,165 quilómetros, que non producirán afección algunha sobre bens de interese cultural ou xacementos arqueolóxicos, xa que non afecta directamente a ningún elemento catalogado, ao discurrer o proxecto sobre a plataforma xa existente do antigo ferrocarril.

O tramo a rehabilitar contempla un trazado no que se atopan dous túneles. Un a medio quilómetro da estación da Sionlla, que discorre baixo a N-550 e conta con 454 metros de lonxitude, que se atopa nun bo estado xeral, segundo o informe do proxecto, aínda que presenta filtracións, máis importantes nos longos periodos de choiva.

O segundo túnel, de 385 metros de lonxitude, transcorre baixo o Monte Cacheiro e o Camiño de Santiago Inglés, na variante de Agualada. Atópase máis deteriorado que o anterior, cun nivel elevado de filtracións de auga.

Entre as actucións que se van realizar figura a roza e retirada de vexetación, cascallos e lixos, no seu caso; o reperfilado e nivelación da capa de balasto existente; o estendido e compactación dunha capa de zahorra de espesor medio de 15 cm.; e o perfilado e execución de cunetas.

As solucións sinaladas aseguran unha gran accesibilidade, xa que permiten o percorrido de todo tipo de bicicletas, de cadeiras de rodas, de carriños de bebés e de persoas con minusvalías. A maiores, confire un gran atractivo á Vía Verde, pois permite que os usuarios a perciban como un "novo produto", perfectamente definido e diferente doutros existentes, e que facilita o percorrido e acceso aos puntos de interese.

Tamén está prevista a instalación de elementos de protección, como varandas, elementos de sinalización e elementos auxiliares, como indicación de puntos quilómetricos, pivotes extraíbles, aparcabicicletas e bancos e mesas nas áreas de descanso; e a iluminación dos túneles con lámparas leds, alimentadas por paneis solares.

Documentos relacionados



Compartir: