ALCALDÍA

Luz verde da maioría dos axentes sociais á ‘operación Peleteiro’

20/12/2022 Reunidos na tarde do martes na Comisión Mixta, a maioría dos axentes sociais representados, amosaron o seu apoio á modificación puntual do PXOM que se somete a votación plenaria mañá mércores para converter o antigo edificio do Peleteiro no Ensanche, nunha gran paza pública e un parque de vivendas, cun 20% en réxime de protección, cun Centro Sociocultural e un centro de día.

Logo dunha reunión "densa e intensa" o alcalde, Sánchez Bugallo, recoñeceu que "tódalas asociacións de comerciantes, tamén Agadea, pediron que se aprobara mañá no pleno esta modificación" amosando un gran apoio á proposta que se someterá a votación. Tan só unha parte dos veciños da República de Arxentina, a través da representación de Raigame, amosou a súa oposición ao proxecto, alegando que as súas vivendas perden soleamento. "Na propia xuntanza, a representación da asociación Comercio Punto Compostela recalcou que tódalas peticións que fixo Raigame están atendidas: hai un centro social, un centro de día, unha praza pública e unha conexión clara entre República de Arxentina e San Pedro de Mezonzo" explicou o alcalde.

Na proposta de modificación o que se contempla é unha gran praza pública, a un único nivel como solicitaban os axentes sociais, de 1.395 metros cadrados, cunha apertura de 20 metros cara República de Arxentina e 49 metros a San Pedro de Mezonzo, que contará ademais cunha zona verde. Tamén se reduce notablemente a edificabilidade, pasando dos 23.500 metros cadrados que permite a actual regulación a 19.900.

O alcalde insistiu en que a proposta pretende "superar intereses particulares ou partidistas, para atopar un punto de encontro que é o interese xeral de toda a veciñanza de Santiago e de todo o Ensanche". Apelou ademais á responsabilidade de tódalas forzas políticas da corporación "todos debemos reflexionar sobre o que é mellor para a cidade, se desbloquear unha operación urbanística que permite revitalizar o Ensanche ou aferrarnos ao bloqueo por intereses individuais que non beneficia a ninguén".

"Estamos ante un tema que leva 20 anos no candeleiro, creo que son horas xa de iniciar o camiño de saída e resolución deste problema. Os veciños de Santiago e do Ensanche merecen ter un centro sociocultural, un centro de día, merecen ter unha praza pública e merecen ter un espazo actualmente degradado convertido nun espazo de encontro, de uso e de desfrute" sentenciou o alcalde.

Compartir: