XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local aproba a licitacion da senda peonil da rúa da Medorra e dunha pista multideporte e un parque infantil en Roxos

19/12/2022 A Xunta de Goberno Local, aprobou hoxe a apertura do procedemento de adxudicación de dúas obras no rural, unha pista multideporte e un parque infantil en Roxos-Quintáns e a senda peonil da rúa da Medorra, que saen a licitación por un importe conxunto de 323.324,84 euros. Estas dúas actuacións, que van ser executadas pola concellaría de Medio Rural que dirixe José Manuel Pichel, enmárcanse no POS +2022 (Plan provincial de cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal. Plan único de concellos) da Deputación provincial da Coruña. Dos acordos adoptados deu conta, en rolda de prensa, o alcalde Xosé Sánchez Bugallo.

En concreto, o Goberno Municipal aprobou o proxecto da "Pista multideporte e parque infantil na zona verde do SUNP-25 Roxos-Quintáns", acordando abrir o procedemento aberto de adxudicación e tramitación ordinaria, establecendose un tipo de licitación de 150.000 euros. As obras consistirán no acondicionamento da zona verde existente, ao obxecto de dotala dun espazo destinado a parque infantil, con área biosaudable e unha pista multideporte.

Segundo a memoria constructiva, a pista multideporte terá unhas dimensións de 19,4 metros de longa por 9,95 de ancha, e será apta para a prática de deportes como o fútbol, baloncesto ou balonán. Estará realizada con pavimento de formigón aglomerado con pedra de granulometría seleccionada, con remate de pavimento de céspede de 12 milímetros. Contará con porterías, enriba das cales se instalarán taboleiros de baloncesto anti vandálicos con aros macizos e redes armadas. A pista valarase cunha malla de cor verde asentada sobre postes de aceiro empotrados en dados de formigón que estará dotada dunha porta-cancela fabricada con tubeiras de aceiro galvanizado, e pintado tamén en cor verde.

No mesmo prego está o acondicionamento da área de parque infantil, con pavimento contínuo absorvente de impactos na ára de xogos. Contará cun columpio de tubo de aceiro, de dúas prazas, para menores de 2 a 6 anos, con zona de seguridade de 32 metros cadrados e 1,2 de altural libre de caída. Tamén está prevista a colocación dun carrusel de aceiro galvanizado en quente, formado por mástil e plataforma xiratoria, para menores de 5 a 12 anos, con zona de seguridade de 36 metros cadrados; ademais de distintos xogos biosaudables, tipo timón, tipo volante, tipo surf, etc. A zona contará ademais, cunha fonte de auga potable.

Polo que respecta á senda peonil na marxe dereita da rúa da Medorra, na parroquia de Bando, establécese un tipo de licitación de 173.324,84 euros, co obxecto de mellorar a mobilidade peonil. Na actualidade, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana promove as obras en execución denominadas "Enlace Orbital: Ampliación capacidade Autoestrada AP 9. Conexión Autoestrada do Atlántico AP 9 con Autoestrada A 54 (Santiago-Lugo)". Ditas obras producirán a eliminación da conexión principal entre as zonas norte e sur da parroquia de Bando no lugar do Castro de Bando. Neste momento, a única alternativa viable será a rúa da Medorra, que conta cun paso superior sobre a autoestrada A 54, polo que está previsto un incremento da mobilidade peonil e rodada por dita rúa, polo que require a mellora das súas actuais condicións de seguridade viaria.

A actuación contempla a execución dunha senda peonil de 2 metros de ancho medio, mediante 12 centímetros de formigón sobre 20 centzahorraímetros de zahorra, cun bordo tamén de formigón no contacto coa calzada. E no paso superior, previa demolición de 1,10 metros de ancho da beirarrúa existente, executarase unha senda de 1,90 metros de ancho. Contará cunha rede de drenaxe, composta por unha canalización de polipropileno, pozos de rexistro e sumidoiros na calzada. En canto á rede de alumeado público, contémplase a instalación dun báculo de aceiro galvanizado de 7 metros de altura e luminarias viarias LED de 34 W, previa retirada dos puntos de luz existentes.

A execución da senda esixe a ampliación dunha obra de drenaxe e a execución dun muro de pedras de granito. Sobre o muro disporase unha varanda de aceiro inoxidable para a contención dos peóns. As actuacións complétanse coa reposición da barreira de seguridade da ponte e co pintado da barreira e das varandas que se manteñen.

Outra das licitacions aprobadas hoxe, foi a do "Servizo para desenvolver actividades de comunicación da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Santiago de Compostela financiadas polo eixo 13 do Programa Operativo Plurirrexional de España do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea", que conta cun orzamento de 100.000 euros.

Por outra banda, a Xunta de Goberno adxudicou o contrato do "Servizo de roza e limpeza de parcelas municipais no ámbito urbano do termo municipal de Santiago de Compostela, reservado a Centros Especiais de emprego de iniciativa social e a empresas de inserción, conforme o establecido na D.A. 4ª da Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público a Coregal Parques e Xardíns, por 150.000 euros, repartidos entre o que queda de 2022 e 2023. Era a oferta máis vantaxosa das presentadas.

Tamén se adxudicou o contrato "Servizo de mantemento e apoio para a administración, configuración e explotación de todos os módulos da solución de administración electrónica" á empresa T-Systems Ibera SAU, por un importe total de 114.708 euros. , por cumprir a súa oferta cos requisitos exixidos no PCAP. E o contrato de "Subministración dunha aplicación informática para a xestión do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento á empresa Consultoría Informática y Tecnológica del Noroeste SL, por un importe de 22.264 euros.

Sentenzas

Por outra banda, o alcalde informou de dúas sentenzas favorables para o Concello. Na primeira, recorrible en casación, o obxecto é o xusto prezo da parcela expropiada para a construción da estación de autobuses de Santiago de Compostela. Adif demanda ao Concello de Santiago e ao Xurado de Expropiación de Galicia e reclama unha contía de 5.724.843 euros, pola diferenza entre o fixado polo Xurado e o valorado pola demandante, máis xuros. O xurado rebaixa esta cantidade a 236.176,05 euros.

Adif reclamaba, en primeiro lugar, que xunto coa parcela expropiada había outras dúas que o proxecto expropiatorio asignaba ao Concello, pero que aquela consideraba da súa propiedade. Deste xeito, a superficie valorada, de 11.849 m2, pasaría a ser de 12.574 m2.

En canto ao obxecto principal, eses 11.849 m2 foron valorados polo Concello, como solo en situación básica de rural, en 52.378,50 euros; cantidade que o Xurado, coa mesma situación básica, elevou a 236.176,05 euros. Pola contra, a demandante consideraba que toda a parcela (12.574 m2) estaba en situación básica de urbanizado (integrado na malla urbana e cos servizos que esixe a lei do solo), polo que o seu valor sería 5.961.019,05 euros.

A segunda sentenza, relativa a un recurso sobre vivendas de uso turístico ou VUTs, volve ser favorable para o Concello de Santiago, segundo explicou Sánchez Bugallo. Considera o fallo, en aplicación da doutrina sentada pola STSX de Galicia 169/2022 do 8.04.2022, que ao se tratar de licenzas solicitadas para reformar vivendas situadas no ámbito do PE-1 da Cidade Histórica e destinalas para o uso turístico, a denegación é conforme a dereito.

Segundo o argumentado na sentenza, susceptible de recurso de apelación, tanto consonte á normativa vixente no momento da solicitude de licenza (artigo 150.4 do PE-1), como consonte a normativa anterior, a vivenda de uso turístico só estaría permitida cando o edificio se destinara de xeito exclusivo á dita actividade.

Zonas Baixas Emisións

Durante a rolda, o alcalde tamén anunciou que "o vindeiro luns terá lugar previsiblemente a aprobación da declaración de Zonas de Baixas Emisión que, por imperativo legal, ten que estar aprobado antes de final de ano" e recordou que a zona 1 de baixas emisións, que cubrirá a área da cidade histórica, "non suporá ningún cambio" á espera "dos criterios que defina o Ministerio de Medio Ambiente e que deberán ser plasmados nunha ordenanza municipal que debería entrar en vigor previsiblemente en 2024". Esta ordenanza deberá recolllerá temas como "o reparto de mercadorías ou o plan de mobilidade urbana sostible, actualmente en fase de redacción", detallou Sánchez Bugallo.

Precintado do local Cacao

En relación co precintado do local Cacao, o alcalde explicou que o Concello "concedeu a licenza de obras ao establecemento o pasado venres 16 de decembro", e que "ese mesmo día, o establecemento presentou unha declaración responsable solicitando a apertura. Segundo a normativa autonómica que recolle esta figura xurídica, "o Concello ten, a partir de hoxe, 15 días hábiles para resolver se toda a documentación entregada polo establecemento cumpre todos os requisitos e para realizar a inspección no local e comprobar se as actuacións realizadas correspóndense coa licenza concedida". Tras este trámite tomarase unha decisión que poderá consistir "na continuación da actividade se todo está en orde; a subsanación dalgunha cuestión menor, se é o caso; ou no peche do establecemento no caso de que fose detectado algún problema de seguridade", engadiu o rexedor.

Compartir: